Tras presentarse oficialmente o xogo Assassin’s Creed Valhalla, ambientado na invasión viquinga de Inglaterra, deixouse ver como sería a súa edición para coleccionistas, con numerosos extras físicos entre os que destacaba unha figura de 30 centímetros da versión feminina de Eivor, o personaxe protagonista, pero resulta que esta edición está a provocar un grande malestar polo feito de que na tenda en liña de Ubisoft indícase agora que, ao igual que acontece coa edición para PC, en Xbox One e Xbox One X non se incluirá o disco físico co xogo, senón unha versión descargable, mentres que a edición para PlayStation 4 e PlayStation 5 aínda conservará o disco en formato Blu-ray.
Pero o caso de Assassin’s Creed Valhalla non parece ser puntual, senón que as edicións para coleccionistas de Watch Dogs: Legion e Far Cry 6 correrían a mesma sorte, e o xogo para as consolas de Microsoft estaría en formato descargable, o que para moitos xogadores atenta contra o concepto de xogo de colección.
O feito de que os xogos para PC non inclúan disco, senón que se limiten a un código de descarga é moi habitual, e responde claramente ao feito de que os xogos están a recibir actualizacións constantes, o que pode comprobarse en moitos xogos que no propio día de lanzamento reciben actualizacións dun tamaño moi semellante ao xogo completo, deixando claro que a copia incluída no disco (cando este se comercializa) non se trata dun produto final, senón dunha versión prematura para poder cumprir as datas de lanzamento comprometidas.
Que esta práctica habitual en PC pase agora ás consolas Xbox parece bastante natural (especialmente se temos en conta que Microsoft cada vez difumina máis a barreira entre consolas e ordenadores), e aínda que no caso de Ubisoft polo momento limítase o efecto ás versións para coleccionista (o que podería atender a cuestións loxísticas), non resulta arriscado asegurar que estamos ante un signo máis do cambio dos tempos cara á desaparición dos soportes físicos, que actualmente xa son unha rareza en PC, e que coa nova xeración de consolas podería acelerarse esta transformación do mercado que afectará moi seriamente ás tendas tradicionais (xa que hai poucos incentivos para mercar códigos de descarga en caixa).
Ubisoft prescinde das copias físicas na edición para coleccionistas dos seus vindeiros lanzamentos
Compartir Este Artigo

