O mes pasado Sony anunciou que estaba a preparar un novo casco de realidade virtual para a PlayStation 5, pero que non chegaría ao mercado no presente ano, deixando caer que incluiría interesantes novidades a nivel de interface control, e non quixeron que o público tivese que agardar máis para saber como serán os seus novos mandos, e amosaron o seu deseño.
O novo mando de realidade virtual busca conseguir unha maior sensación de inmersión, baseándose nas innovacións do mando sen fíos DualSense da PS5, que permite sentir os xogos dun xeito innovador que podería enriquecer considerablemente a experiencia da realidade virtual, dando un auténtico salto de xigante con respecto á anterior xeración de PlayStation VR (que aproveitaba os vellos mandos de PlayStation Move, que adoecía unha ergonomía demasiado básica).
O novo deseño dos mandos, cunha forma esférica, permite que se sosteñan de xeito natural ao xogar, proporcionando gran liberdade de movemento de mans, para o que tamén está ben equilibrado o seu peso e apostouse por un tamaño que busca ser axeitado para o maior número de usuarios posible.
Entre as innovacións do novo mando de realidade virtual estarían os gatillos adaptativos cos que xa conta o mando DualSense; retroalimentación háptica (que achegará moitos matices aos xogos); detección táctil (o mando pode detectar os dedos sen a necesidade de facer presión); o novo casco de realidade virtual poderá seguir aos mandos grazas a un anel de seguimento situado na parte inferior do mando; e os mandos contarán con joystick analóxico, dous botóns de acción (cadrado e triángulo no esquerdo e círculo e cruz no dereito), botón de agarre, gatillo e un botón adicional (de crear no mando esquerdo e de opcións no mando dereito).
Realmente estamos ante uns mandos moi semellantes aos que incorporan os cascos de realidade virtual actuais de marcas como Oculus, dos que se diferenza basicamente nas opcións herdadas do DualSense.
Amosan o deseño dos mandos da futura PlayStation VR para PS5
Compartir Este Artigo

