Entre os accesorios oficiais de Apple destacaban nos últimos anos as fundas para iPhone con batería incorporada que, pese a ser produtos oficiais da compañía da mazá tiñan unha estética moi mala ao dar a impresión de que a súa colocación fai que os móbiles parezan ter chepa, de aí que sexa toda unha sorpresa que recunquen neste concepto deixando a un lado o factor funda e optando unicamente por incorporar unha batería externa aos últimos iPhone aproveitando o conector MagSafe.
A nova batería MagSafe está xa á venda por 109 euros e engade 1.460 mAh aos móbiles da familia iPhone 12. Cando a batería se acopla ao móbil comeza a cargalo a 5 watts, mentres que se conectamos o dispositivo a un cargador de como mínimo 20 watts a batería pasará a alimentar o móbil a 15 watts. Como curiosidade, na web de Apple aseguran que a batería externa pode cargarse conectando a corrente o iPhone, ou sexa, que confirmaría o rumor de que os iPhone 12 contan con carga inversa.
Externamente o móbil non ten indicador de carga, xa que o nivel de carga pode comprobarse directamente no iPhone a través dun widget.
Estamos ante un accesorio que busca incrementar a autonomía do iPhone, non para cargalo rapidamente en mobilidade, polo que pode resultar práctico para quen desexe coidar a batería do seu teléfono con cargas lentas e non lle resulte moi incómodo ou antiestético adherir un bloque de cor branca ao seu terminal.
Apple lanza unha batería externa magnética para iPhone
Compartir Este Artigo

