A Consellería de Emprego e Igualdade xa ten en marcha unha plataforma en liña con accións formativas para fomentar, formar e sensibilizar á sociedade en materia de igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres. Este espazo accesible vía web, proporá cursos de carácter gratuíto sobre temas relacionados coa conciliación e a corresponsabilidade, o rexistro retributivo, o acoso laboral ou o teletraballo, entre outras temáticas.
Os dous primeiros cursos lanzados a través de este espazo teñen aberto ata o 13 de outubro o seu prazo de inscrición. Trátase dunha formación básica en igualdade laboral, de 8 horas de duración con módulos impartidos de xeito pregravado, e dunha actividade teórico-práctica sobre a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo de dez horas en tempo real e en diferido.
Ao remate de ambas as dúas formacións, que estarán dispoñibles tamén para seguir por medio dos dispositivos móbiles e coa filosofía de formarse ao ritmo de cadaquén, os participantes recibirán un certificado de aproveitamento.
Con esta aposta, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral, en modalidade virtual. O espazo dixital de teleformación da Xunta aspira a favorecer ademais os procesos comunicativos e aprendizaxes compartidas.
A Xunta estrea un espazo dixital de teleformación en igualdade laboral
Compartir Este Artigo
