O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, onde este ano o premio na categoría de Iniciativa da Administración recaeu no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto Quantum Computing, destinado a situar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030.
Así, Conde quixo agradecer este galardón ao Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, ao mesmo tempo que destacou que o CESGA xoga un papel imprescindible como colaborador necesario do ecosistema de I+D+i e os sectores estratéxicos da economía galega neste contexto de transición dixital.
Neste sentido, asegurou que Galicia conta coa infraestrutura de vangarda necesaria para impulsar o Polo de tecnoloxías cuánticas que sitúe á Comunidade como un referente neste campo a nivel estatal. Un obxectivo no que a Xunta quere contribuír reservando unha partida específica nos orzamentos do vindeiro ano de 18,2 millóns de euros para levar adiante esta iniciativa.
Facendo referencia a algúns dos demais proxectos premiados, como o Talk de Samsumg Electronic Iberia que busca facilitar a comunicación ás persoas enfermas de ELA, puxo de manifesto que a tecnoloxía tamén debe ser inclusiva para cumprir unha dobre misión ao contribuír ao progreso económico e ao benestar das persoas, construíndo así a Galicia intelixente e sostible da próxima década.
Ese dobre obxectivo, defendeu Conde, será necesario para construír a Galicia intelixente e sostible da vindeira década, ao mesmo tempo que asegurou que vai seguir sendo clave o impulso do talento e o fomento das vocacións científicas nos máis novos.
Salientan o rol do CESGA no ecosistema de I+D+i e os sectores estratéxicos da economía galega
Compartir Este Artigo
