Improving Metrics, consultora galega dedicada a mellorar os negocios dixitais grazas á analítica de datos e a estratexia dixital, compartiu con nós os seus máis recentes avances en materia laboral dirixidos a mellorar a calidade de vida do seu equipo e a súa marxe de conciliación familiar. En concreto, a empresa decidiu instaurar o teletraballo como unha política de empresa voluntaria e preferente.
Esta iniciativa, segundo informou a empresa, é un paso máis nas estratexias postas en marcha durante a pandemia, onde xa se apostou de cheo por este modelo de traballo, unha metodoloxía que agora é política de empresa. A medida afecta a un persoal constituído por uns 40 traballadores e traballadoras.

Paula Medina, responsable da área de People & Culture de Improving Metrics, explica con máis detalle estas razóns e o seu impacto non só na baixa incidencia de contaxios no equipo, senón os altos niveis de produtividade, evidenciados no seu crecemento en negocio e facturación ao peche do ano pasado: “A pandemia tomounos por sorpresa a todos. Pero nós, con todo, xa tiñamos camiño andado no traballo remoto. A natureza do noso negocio xa nos esixía dispor de ferramentas telemáticas para a xestión do traballo diario e a atención dos nosos clientes, polo que a adaptación ao teletraballo deuse de forma natural e sen friccións”. E engade: “Un dos retos aos que nos enfrontamos é o feito de comunicar e manter unha cultura corporativa sólida. O traballo a distancia limita o contacto e restrinxe as interaccións sociais. Levamos un tempo traballando este aspecto desde a base e con todo o persoal. A receptividade e apertura do equipo para desempeñar as súas funcións baixo esta modalidade foron impresionantes. Ademais, factores como a conciliación familiar, a redución dos desprazamentos e a redución do gasto en xeral, foron determinantes”.
Improving Metrics instaura o teletraballo como unha política de empresa voluntaria e preferente
Compartir Este Artigo

