
Na tese, realizada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaería do Campus Terra da USC baixo a dirección da profesora Mariluz Gil Docampo, o investigador aborda as metodoloxías empregadas hoxe en agricultura de precisión e, nomeadamente, no eido da teledetección mediante sensores aéreos non tripulados, “uns dispositivos”, sostén o autor, “capaces de prestar unha importante axuda nos procesos de desenvolvemento rural en áreas de Ecuador que aínda se atopan sen desenvolver”.
As metodoloxías analizadas nesta tese de doutoramento abranguen temáticas relacionadas coa análise do crecemento en canto á xeración de biomasa en cultivos de raygrass e kikuyo, estudos sobre o estado de saúde de plantacións de lupino en áreas montañosas da rexión andina mediante a súa resposta espectral e a detección de enfermidades en palma africana, a través do estudo da variabilidade da súa resposta espectral.
A USC reflicte que as pescudas desenvolvidas por Sinde González no marco da súa tese de doutoramento “puxeron de manifesto o potencial dos sistemas UAV á hora de estudar e xestionar cultivos clave na economía da República de Ecuador e doutros países en vías de desenvolvemento”. Así, para o caso dos cultivos devanditos empregáronse equipos como os UAV os espectrorradiómetros de man, a fin de poder xerar produtos xeoespaciais de alta resolución a través de técnicas de fotogrametría SfM e teledetección de baixa altura. A información xeoespacial permitiu a posterior extracción de valores espectrais a nivel de planta cos que “resulta viable inferir resultados satisfactorios a través da aplicación de diversas probas estatísticas”, sinala Sinde González. “Esta metodoloxía de traballo2, engade o investigador, “permitiu detectar de forma temperá a afectación de Pudrición de Cogollo (PC) en palma africana, determinar que tratamento de desinfección de semente é o máis axeitado para controlar a evolución da antracnose (cancro) en lupino (xénero de plantas leguminosas) ou mesmo para constatar que o cultivo de ryegrass perenne é o que ofrece mellores rendementos na produción de biomasa para solos da área andina ecuatorial”.
O investigador da USC Izar Sinde propón o uso de drons para o desenvolvemento agrario de países en desenvolvemento
Compartir Este Artigo

