A Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación INCYDE arrincaron este 17 de marzo o seu curso de drons e emprendemento, no que participan unha vintena de mozas e mozos. Fixérono en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura de Galicia.
Este programa formativo de sete semanas está destinado a persoas menores de 30 anos, ben sexan emprendedoras ou profesionais e que desexen iniciarse no sector dos vehículos aéreos non tripulados, un ámbito que segundo indica a organización do curso “está a ter un crecemento exponencial nos últimos anos, existindo importantes posibilidades de actividade e negocio en eidos tan dispares como o agro, o medio ambiente, a vixilancia e as reparacións industriais”.
Na inauguración estiveron a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Rosa Cardeso; o director de proxectos da Fundación INCYDE, Ignacio Alvear; e telematicamente tamén participou, José María Párraga, subdirector do INCYDE
O curso abéirase á colaboración que manteñen a entidade cameral e a Xunta, que impulsaron un programa de formación e asesoramento dirixido a empresas e profesionais culturais, co foco posto en “apoiar e mellorar a competitividade do sector nun momento especialmente delicado pola crise da COVID-19”.
No marco do programa, ao longo do ano desenvolveranse distintas accións formativas centradas en ámbitos como emprego de novas tecnoloxías, internacionalización, xestión empresarial, ou desenvolvemento de novas liñas de negocio en eidos como os drons. Estas accións formativas decorrerán maioritariamente en liña, con algunhas sesións presenciais.
Unha vintena de persoas participan na formación en drons e emprendemento da Cámara de Santiago
Compartir Este Artigo

