A rede SmartPEME, o programa da Deputación de Pontevedra para capacitar tecnoloxicamente ás empresas e ás persoas autónomas da provincia, vai regresando paseniño á actividade previa á COVID, apoiada no ámbito online pero tamén (e moito) no presencial, verente esta última representada polos centros SmartPEME dos concellos. Esta semana, sen ir máis lonxe, a Deputación e o Concello da Estrada anunciaron que esta localidade volverá contar cunha oficina SmartPEME. Esta colaboración entre as entidades arredor da formación TIC retómase logo de dous anos de paréntese pola pandemia.
O proxecto do centro SmartPEME da Estrada xurdiu antes da crise da COVID para evitar os desprazamentos das persoas desta vila ata Lalín, onde se atopa o punto de capacitación tecnolóxica que atende ás comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, e en resposta á elevada demanda que esta oficina ten de persoas procedentes da Estrada, que representa un 30,2% do total.
Dende o inicio de SmartPEME en 2016 realizáronse 296 asesoramentos a persoas e empresas da Estrada, dos que 113 corresponden ao período entre 2018 e 2020, en que funcionou esta colaboración no propio concello. Tamén neste punto se celebraron 23 obradoiros formativos.
A nova andaina
Nesta nova etapa, unha persoa asesora da rede da Deputación volverá ofrecer servizo presencial dúas veces ao mes (baixo cita previa) no espazo cedido polo Concello no Viveiro de Empresas da Estrada para atender ás empresas, persoas autónomas e pemes que precisen asesoramento personalizado dentro deste programa que ofrece a Deputación de Pontevedra desde o ano 2016 con excelentes resultados na provincia.
A isto cómpre egadir a carteira de formación e asesoramento que vai ofertar o SmartPEME na Estrada ao longo do ano.
A Estrada volverá a contar cunha oficina de formación tecnolóxica SmartPEME
Compartir Este Artigo

