O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai outorgar no seu evento de celebración anual (a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, XIV edición, prevista para o 1 de xullo en Santiago) o Premio Iniciativa Empresarial ao videoxogo The Waylanders creado pola compañía coruñesa Gato Salvaje Studio.
Segundo explica o colexio, trátase dun xogo de rol clásico, pero “cunha característica especial”, que é “a inspiración en localizacións do norte de España”, de xeito especial en Galicia, cun toque fantástico dos mitos celtas e o escurantismo dunha era medieval invadida por unha corrupción máxica”. A un nivel máis concreto, o xogo está ambientado en distintos escenarios históricos como a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago, ademais doutras contornas como O Ézaro e Fisterra.
O proxecto desenvolveuse durante cinco anos e saíu á venda en febreiro de 2022. Aínda que inspirado nun xogo moi popular do inicio dos 2000, Dragon Age, o xurado do CPEIG salienta que “The Waylanders ten un estilo que destaca pola ambientación e a mitoloxía galegas, con toques de tema celta, de folclore, e apuntes medievais e de cristianismo moi arraigados en Galicia”.
O argumento

O guión foi creado por dous profesionais que traballaron en grandes producións internacionais: Emily Grace Buck (The Walking Dead, Batman: The Enemy Within, Marvel’s Guardians of the Galaxy) e Mike Laidlaw (sagas Dragon Age e Mass Effect).
Gato Salvaje
Gato Salvaje Studio nace en 2010 na Coruña coa intención de converterse nunha referencia nacional da produción de videoxogos. Pioneira en crowdfunding (financiamento mediante micromecenado) en España, esta firma de videoxogos está “en continuo crecemento”, apoiándose na “formación, na contratación de talento galego e na innovación”, explica Sergio Prieto. Durante os últimos anos, un equipo de 36 persoas e numerosos freelance repartidos por todo o mundo traballaron na súa última historia.

