Santiago acolleu este 12 de decembro a presentación dos primeiros catro volumes da recompilación Os Bolechas. Colección Historia de Galicia, unha proposta na que colabora a Xunta de Galicia con Edicións Bolanda, Caixa Rural Galega e a CRTVG, e que inclúe tamén a emisión de recursos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.
Na colección audiovisual a familia creada polo debuxante Pepe Carreiro fai un repaso por algúns dos grandes acontecementos históricos da nosa terra dende o Paleolítico, por exemplo a domesticación de animais de plantas, a vida no Neolítico, a época castrexa, a chegada dos romanos, as incursións do pobo suevo e do seu reino, a Idade Media ou o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago.
Na cita participou Valentín García, secretario xeral de Lingua, quen puxo en valor a creación de novos contidos para fomentar o galego entre os máis cativos. García explicou que este proxecto forma parte das primeiras accións postas en marcha polo Goberno galego para impulsar o uso e prestixio da lingua en toda a sociedade e, nomeadamente entre os máis mozos ou en espazos urbanos. Así, Valentín García sinalou que este tipo de obras “permiten achegar de maneira lúdica e no noso idioma á cativada, a nosa historia, persoeiros, tradicións e idiosincrasia”.
O secretario xeral da Lingua detallou que esta nova ferramenta inclúe os libros no seu formato máis tradicional e unha serie animada que xa se está emitindo no espazo Xabarín, “para animar tamén á lectura e ao consumo audiovisual en galego da nosa xente máis miúda”. Ademais, tal e como se anunciou na cita, aos catro volumes presentados este 12 de decembro, sumaranse ao longo do vindeiro ano outros tantos que completarán esta recompilación.
Xuntan en catro volumes os contidos históricos dos Bolechas, dispoñibles tamén na plataforma Xabarín
Compartir Este Artigo

