O Clúster TIC Galicia fixo balance da súa recente actividade formativa, centrada en achegar capacitación en tecnoloxías emerxentes a través de 229 cursos, no marco da sexta edición do seu programa formativo, levado a cabo entre setembro de 2024 e marzo de 2025. A través desta liña de traballo, o Clúster TIC formou finalmente a 5.951 persoas.
Esta plan, posto en marcha en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, contou cun orzamento de 2.083.000 euros e forma parte das diferentes accións que está a levar a cabo a entidade para mellorar as competencias tecnolóxicas que demanda o mercado laboral.
O Clúster TIC explicou que “esta oferta formativa está adaptada ás necesidades das empresas e impartida por provedores expertos, cun enfoque eminentemente práctico, onde as temáticas máis demandadas por parte do alumnado mostran unha clara orientación cara as tecnoloxías emerxentes e as competencias de alto valor engadido, como a Intelixencia Artificial, a ciberseguridade ou desenvolvementos na nube, entre outras”.
Os cursos están orientados tanto a persoas en activo como a demandantes de emprego para promover o reskilling ou reciclaxe laboral, cunha participación de 3.822 traballadores ocupados (maioritariamente de empresas asociadas ao Clúster TIC) e 2.129 persoas desempregadas, contribuíndo así á mellora da empregabilidade e á actualización profesional dun amplo espectro da poboación galega.
En canto á distribución por xénero, participaron 3.886 homes (65%) e 2.065 mulleres (35%), un dato similar á propia configuración dos persoais das empresas tecnolóxicas de Galicia, formadas nun 67% por homes e nun 33% por mulleres.
O programa estaba integrado por 229 cursos ofrecidos por 14 entidades especializadas e impartidos por 92 docentes con elevada cualificación profesional. A formación organizouse en dúas modalidades principais: aula virtual, con 125 cursos, e teleformación, con 104, o que permitiu adaptar os contidos ás necesidades de flexibilidade horaria e xeográfica do alumnado.
Con este plan, o Clúster reafirma o seu compromiso coa creación de perfís coas competencias e habilidades tecnolóxicas que demanda o mercado, cunha estratexia formativa que aposta pola calidade, a reorientación laboral e a especialización, en palabras da agrupación “factores clave para cubrir as vacantes do sector e avanzar cara a unha comunidade máis preparada para afrontar os retos estratéxicos presentes e futuros”.
O Clúster TIC impulsou a capacitación dixital de 6.000 persoas en tecnoloxías emerxentes
Compartir Este Artigo

