Xbox confirmou as novas incorporacións ao catálogo de Game Pass para setembro, cunha listaxe que inclúe lanzamentos moi agardados, actualizacións e mesmo algunhas regresos destacados.
Desde hoxe xa está dispoñible I Am Your Beast (nube, PC e Xbox Series X|S) para os subscritores de Game Pass Ultimate, PC Game Pass e Game Pass Standard. Trátase dun shooter en primeira persoa de curta duración, un thriller de vinganza encuberta no que o xogador, perseguido polo complexo militar-industrial a través da natureza norteamericana, debe empregar tanto o seu arsenal como o inimigo para sobrevivir.
Nos vindeiros días chegan varios títulos importantes. O 3 de setembro estréase Nine Sols (Xbox Series X|S), un xogo de plataformas 2D con combate baseado na defensa e ambientado nun mundo fantástico de inspiración asiática.
O 4 de setembro será a data máis sinalada: Hollow Knight: Silksong (nube, consola e PC) estará dispoñible de lanzamento en Game Pass, permitindo ascender polos recunchos dun reino espectral no papel de Hornet, a princesa protectora de Hallownest. Falamos dun dos xogos máis agardados polo éxito da súa primeira entrega, e que para PC, PlayStation e Nintendo Switch estará dispoñible a un prezo de 19,99 euros. Ese mesmo día tamén se incorpora Cataclismo (PC), un título de estratexia en tempo real centrado na construción e defensa de fortalezas fronte a enxames de criaturas.
O 10 de setembro volve ao catálogo PAW Patrol World (nube, consola e PC), a aventura en 3D baseada na coñecida serie infantil de La Patrulla Canina, con misións e rescates para xogar en solitario ou en compañía.
Finalmente, o 16 de setembro chegará RoadCraft (nube e Xbox Series X|S), un simulador no que os xogadores deberán reconstruír infraestruturas tras desastres naturais manexando máis de 40 vehículos de construción realistas, con opción de xogo individual ou cooperativo.
Silksong estará dispoñible de lanzamento no Game Pass
Compartir Este Artigo

