
Parallels anunciou o lanzamento de Parallels Desktop 27, unha actualización da popular solución de virtualización que nesta ocasión céntrase en mellorar o rendemento e optimizar a experiencia nos Mac con chips Apple Silicon. Incorpora un novo controlador gráfico Metal con soporte para OpenGL 4.3, que acelera tarefas complexas en aplicacións profesionais e mellora de maneira notable o comportamento de cargas de traballo esixentes. As probas internas indican incrementos significativos na velocidade de execución de operacións gráficas e en ferramentas especializadas como ArcGIS Pro.
A nova versión tamén reforza o soporte para cargas de traballo de intelixencia artificial e machine learning en máquinas virtuais Linux, especialmente en equipos con chip M4 ou superior. Segundo Parallels, os cálculos matriciais e os procesos de inferencia experimentan melloras substanciais, permitindo que os desenvolvedores e investigadores executen modelos máis complexos con maior axilidade.
Parallels Desktop 27 é compatible con macOS 27 Golden Gate e permite actualizar o sistema sen reinstalar nin reconstruír máquinas virtuais. As aplicacións de Windows continúan integrándose de maneira fluída no ecosistema macOS, mantendo a posibilidade de abrir ficheiros do Mac directamente desde Windows e de empregar o Dock como punto de acceso ás aplicacións virtualizadas.
Ten dúas edicións diferenciadas: A versión Standard está orientada a usuarios que precisan executar software de Windows de uso habitual, mentres que a edición Pro está dirixida a profesionais que traballan con cargas de traballo intensivas, contornos de desenvolvemento complexos ou múltiples máquinas virtuais. Esta última inclúe límites de hardware ampliados, opcións avanzadas de rede e ferramentas específicas para automatización e integración en fluxos de traballo profesionais.
No ámbito empresarial, Parallels Desktop 27 reforza a autenticación mediante sistemas de inicio de sesión único e incorpora unha interface nativa para o servizo DevOps, facilitando a xestión de máquinas virtuais e procesos automatizados. Ademais, renova certificacións de seguridade e continúa os procesos de validación técnica asociados á arquitectura ARM.

