
Pontevedra acolle esta “finde” unha nova edición (a quinta) da Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki da cidade, que se celebra o sábado e o domingo, 12 e 13 de setembro, no Recinto Feiral.
Organizado novamente por Gaming Troop en colaboración co Concello de Pontevedra, o evento preséntase novamente como “un espazo de encontro para públicos de todas as idades, reunindo a familias, mocidade e persoas adultas interesadas nos videoxogos, o Cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo”, segundo informou a organización.
Engaden que “esta quinta edición chega con novas propostas e espazos renovados pensados para ampliar a experiencia do público”.

A programación supera este ano o cento de actividades e que reunirá máis de 50 artistas e expositores, ademais de máis de vinte torneos.
Entre as citas máis agardadas sitúase o torneo nacional de Super Smash Bros Ultimate, en cuxas primeiras edicións a organización reuniu en anos anteriores participantes de distintos puntos de España e Portugal. Para esta convocatoria xa se superou a cifra de 100 persoas inscritas.
Tamén haberá torneos de League of Legends, Valorant, EA Sports FC 26, Mario Kart World, Tekken 8 e Street Fighter 6. PCBox proporcionará os equipos da zona de PC, mentres que Área 60 e Código Oculto achegarán os premios dos torneos de League of Legends e Valorant.
A nova Zona Retro-Arcade incorporará recreativas xaponesas, consolas retro e outros clásicos. WordPress.com tamén apoiará a Zona K-Pop, que regresa cunha programación ampliada e un concurso que contará con máis de vinte actuacións individuais e grupais.
A Zona Indie, patrocinada por UNIR, contará coa maior participación de estudios da historia do evento e recuperará o Pasaporte Indie. Esta iniciativa permitirá ao público probar os videoxogos participantes, votar polo seu favorito e entrar nun sorteo. UNIR entregará tamén o premio ao Mellor Xogo Indie da Lérez Up 2026.
A oferta artística incluirá máis de cincuenta ilustradores, artesáns e creadores na Zona de Stands, xunto con obradoiros de ilustración, pintura, deseño e creación na Zona Talleres. O escenario principal e o Salón de Actos acollerán dúas mesas redondas sobre desenvolvemento de videoxogos independentes e ilustración, ademais de charlas, exhibicións de kendo e esgrima, a actuación musical de Yell0 e un desfile de moda lolita.

