
WordPress Coruña retoma este xoves 17 de setembro a súa actividade tras o verán cunha meetup centrada na intelixencia artificial. A sesión, titulada Skills, workflows e axentes: delegar traballo na IA sen montar de máis, estará protagonizada por Santi Frías, consultor dixital e membro activo da comunidade.
Frías leva trinta anos traballando en márketing e no ámbito dixital e, desde 2022, traballa por conta propia desde Galicia en proxectos relacionados con WordPress, SEO e GEO, automatización e formación en IA. A súa experiencia coa intelixencia artificial será o punto de partida dunha sesión na que compartirá que ferramentas e métodos lle funcionan, que experimentos acabaron mal e que solucións decidiu non poñer en marcha.
«A IA cambiou completamente a miña forma de traballar. Agora o primeiro que abro pola mañá xa non é o Gmail: é o meu asistente de tarefas en Claude», explica Frías. O seu sistema reúne máis de sesenta proxectos baseados en skills, tarefas programadas, pipelines e axentes, unha experiencia coa que pretende mostrar como delegar traballo na IA sen complicar innecesariamente a súa configuración.
A charla servirá tamén para sentar as bases dun posible ciclo de encontros máis prácticos sobre estas ferramentas, desde a creación de axentes ata a automatización de tarefas do día a día.
A meetup comezará ás 19.30 horas en WekCo (Avenida Novo Mesoiro, 2, baixo, A Coruña). Ao remate haberá un encontro informal para compartir experiencias acompañado de comida e bebidas. As prazas son limitadas sendo preciso inscribirse previamente en liña.

