
O vindeiro mes de outubro vanse celebrar no MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) as VIII Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal. Desenvolverase os días 15 e 16 da man da Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Asociación Videoxogo.gal e de MARCO de Vigo, e co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo. Este ano estruturarase na profesionalización do sector, a creatividade e outros modos de xogo e lecer cultural interactivo.
De xeito adicional haberá obradoiros escolares Bit a Bit, unha exposición sobre o videoxogo na súa xeración de 64 bits (no Espazo Anexo do MARCO), así como unha mostra de videoxogos independentes galegos no espazo da librería do museo vigués durante as xornadas para que calquera persoa se achegue ao museo para probalos.
O porqué das xornadas
Dende a Fundación Carlos Casares sinalan que “os videoxogos atoparon na literatura unha fonte de inspiración constante, pero a influencia dáse tamén en sentido contrario: as estruturas narrativas de moitos xogos inflúen cada vez máis en escritoras e escritores, que atopan nelas novas formas de presentar as súas historias”.
Seguindo este fío, os organizadores das xornadas constatan a existencia de diversos estudos uqe relacionan o uso de videoxogos coa mellora da lectoescritura, da creatividade, da empatía, da comunicación positiva e do benestar mental.
Con esta perspectiva, a Fundación Carlos Casares puxo en marcha en 2019 as Xornadas Videoxogo e Literatura, un encontro anual cun programa que combina charlas e mesas redondas con persoas de perfís moi diversos (literatura, industria, desenvolvemento independente, educación e outras disciplinas artísticas) con actividades abertas a outros públicos, como exposicións, obradoiros escolares e mostras de videoxogos independente.
O encontro pretende “ampliar o coñecemento público do sector, analizar as súas perspectivas de crecemento e a súa integración na cadea de valor da cultura, identificar os retos aos que se enfrontan os e as profesionais e facilitar que o público dialogue con persoas de referencia da industria do lecer interactivo”.
O programa da nova edición

Como mestre de cerimonias contarase co actor de dobraxe e ilustrador, Bruno Doiro.
O programa desta edición céntrase en tres liñas. A primeira é a profesionalización: o avogado Xosé Manuel Rey (DataLawyers) falará da parte legal de facer videoxogos; Juan Pablo Ordóñez (Game Hunters) explicará como se traballa con publishers, e Javier Mayor (Videoxogo.gal) detallará o funcionamento da tenda de Steam.
A segunda liña é a relación con outras formas de xogo: a mesa redonda Xogando a ser reunirá a Andrea Bretin (Colibrí Games), Manuel Sánchez (Realidad Alternativa) e José Veiga (Customeeple) para tratar os xogos de rol e o lecer interactivo.
E o obradoiro Gamificación na educación da profesora creadora de contidos Lucía Moure (Curruncho Galego) afondará sobre o uso do xogo como ferramenta docente, aplicable a outros ámbitos profesionais e persoais.
A terceira liña é o proceso creativo: Pedro Seco e Lluís Morueco, de Nakama Game Studio, contarán como deseñaron Coloratura, unha aventura que se pode xogar sen ver, e o programador Francisco Téllez de Meneses (@unepic_fran) percorrerá o camiño que vai da idea ao produto.
O sector galego terá un espazo propio. A mesa Os indies en Galicia contará con Carolina Nickelle (Under Castle), Andrés Piñeiro (Widijou) e Gerardo Borjes (Team Stargazers), cuxos xogos, Chroma Tales, Golpes e Broucazos (Thumbs & Blows) e Aureole – Wings of Hope, poderán probarse o xoves na mostra de videoxogos instalada no espazo da libraría do MARCO.
O venres será a quenda dos proxectos da Game Jam Dende o galego, con humor, que os seus equipos presentarán na galería A3 e que tamén se poderán xogar na mostra. O peche das xornadas incluirá o anuncio da edición 2026 da Game Jam con sorpresas moi interesantes.
Como actividade paralela, o Espazo Anexo do MARCO acollerá a exposición Bit a Bit. A evolución dos videoxogos, acompañada de obradoiros escolares durante as mañás baixo reserva por parte dos centros escolares en comunicacion@marcovigo.com. A exposición aberta ao público poderá visitarse do mércores 14 ao venres 16 de outubro, de 17.00 a 20.00 horas, e o sábado 17 de outubro, de 10.00 a 14.00 horas.

