
A Audiencia Provincial e o Concello da Coruña acollerán dúas simulacións de vistas xudiciais os días 1 e 14 de outubro, como parte da programación preliminar das actividades do encontro tecnolóxico DATAfórum 2026, organizado polo Ministerio da Presidencia e Xustiza, a Universidade da Coruña e o Concello, en colaboración co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se celebrará do 21 ao 23 de outubro en PALEXCO.
No Datafórum analizarase o impacto da intelixencia artificial e as novas tecnoloxías na Administración de Xustiza para acadar un servizo público máis áxil, eficaz e próximo á cidadanía.
Na primeira actividade preliminar prevista, que se celebrará a partir das 10.30 horas na Audiencia Provincial, participarán un centenar de alumnos e alumnas do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, que asumirán diferentes roles dentro da representación e poderán coñecer de primeira man como se desenvolve unha vista xudicial e cales son as funcións dos distintos profesionais que interveñen nela, entre eles avogados, profesionais da medicina forense, policías e membros do equipo técnico. As letradas da acusación e a defensa serán alumnas do Máster da Avogacía.
Ademais, o Salón de Plenos de María Pita será o próximo 14 de outubro, tamén a partir das 10.30 horas, o escenario doutra vista simulada, neste caso dun Tribunal de Convivencia que terá como participantes ao alumnado de Educación Primaria do CEIP Ramón de la Sagra, e que tamén será dirixido por unha maxistrada.
Estas dúas iniciativas ten como obxectivo “sensibilizar ao alumnado sobre a violencia de xénero, tanto nas relacións presenciais como na contorna dixital, con especial atención ao uso das redes sociais”, informaron as entidades organizadoras, engadindo que a través destas experiencias prácticas “as e os estudantes poderán achegarse ás consecuencias xurídicas que poden ter determinadas condutas, especialmente durante a adolescencia, e comprender ao mesmo tempo as garantías que ofrece o proceso xudicial a todas as persoas implicadas”.
A partir do 21 de outubro
O DATAfórum Justicia 2026 desenvolverase na cidade da Coruña os días 21, 22 e 23 de outubro. Este ano contará con novos relatorios, mesas de debate, obradoiros e cursos, alén dun programa que reunirá destacados representantes institucionais como o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey ou a fiscal xeneral do Estado, Teresa Peramato, entre outros. Tamén contará con profesionais do ámbito tecnolóxico, académico e empresarial para abordar algúns dos principais retos da xustiza do presente e do futuro.

