
Microsoft abriu a reserva dos novos Surface Laptop Ultra e Surface RTX Spark Dev Box, dous equipos deseñados para cargas de traballo de intelixencia artificial, desenvolvemento e creación de contidos. Ambos están construídos arredor do NVIDIA RTX Spark Superchip e forman parte da aposta de Microsoft pola chamada intelixencia híbrida, que combina capacidade de cálculo local e recursos na nube.

O Surface Laptop Ultra incorpora unha GPU NVIDIA Blackwell RTX de ata 6.144 núcleos, unha CPU NVIDIA Grace de ata 20 núcleos e ata 128 GB de memoria unificada. A configuración permite executar localmente modelos de IA de máis de 120.000 millóns de parámetros e ofrece ata 1 petaflop de rendemento en IA.
O equipo dispón dunha nova arquitectura térmica cunha capacidade de disipación ata 2,5 veces superior á dos actuais Surface Laptop, nun chasis de menos de 18 milímetros de grosor e menos de 4,5 libras (uns 2,04 kg). A pantalla táctil PixelSense Ultra de 15 polgadas alcanza ata 2.000 nits de brillo HDR máximo, mentres que o panel táctil é un 30 % maior e incorpora resposta háptica.
A conectividade inclúe tres portos USB-C, HDMI, USB-A, lector de tarxetas SD e conector de 3,5 milímetros. Un dos USB-C incorpora Magnetic Connect, un sistema de carga magnética integrado que permite separar o cable con facilidade e manter o porto dispoñible para datos e vídeo. O equipo pode xestionar ata tres monitores 4K externos.
A memoria unificada, que pode chegar aos 128 GB, está pensada para executar modelos de IA localmente e manter simultaneamente aplicacións de desenvolvemento e creación de contidos. Microsoft tamén destaca a integración con GitHub Copilot para tarefas de programación asistida por axentes, así como o soporte de tecnoloxías como CUDA e a pila de IA de Windows. No apartado gráfico, o RTX Spark permite aproveitar trazado de raios, DLSS e NVIDIA Reflex nos xogos compatibles.

A Surface RTX Spark Dev Box está dirixida especificamente a desenvolvedores, enxeñeiros de IA e equipos técnicos. Comparte o RTX Spark Superchip, os ata 128 GB de memoria unificada e o rendemento de ata 1 petaflop, pero aposta por un formato compacto de sobremesa.
A capacidade de cálculo local permite executar, avaliar e experimentar con modelos de máis de 120.000 millóns de parámetros sen depender continuamente da nube. Microsoft considera que este enfoque pode acelerar a experimentación e reservar os recursos cloud para as cargas que realmente os necesiten.
A Dev Box chega preparada con ferramentas como Visual Studio Code, Git, GitHub CLI, GitHub Copilot, WSL, Python e Node, co obxectivo de reducir o tempo necesario para configurar o contorno de desenvolvemento. Tamén está integrada na familia de dispositivos Project Zenith.
Os dous equipos están orientados ao uso de axentes de IA directamente no PC. Microsoft Execution Containers permitirá illar a actividade destes axentes, mentres que futuras funcións de Windows empregarán Microsoft Entra para diferenciar a actividade dos axentes da realizada directamente polo usuario. A proposta combina así execución local, controis de administración e a posibilidade de recorrer á nube cando sexa necesario.
O Surface Laptop Ultra parte dos 2.599 dólares nos EE.UU. (cun prezo de 5.899,99 dólares na súa configuración máis completa) e estará dispoñible a partir do 16 de outubro. O Surface RTX Spark Dev Box ten un prezo de 5.999 dólares e comezará a enviarse en novembro.

