
Xreal puxo prezo ás Xreal Aura, as súas primeiras lentes baseadas en Android XR, que xa están dispoñibles para reserva nos Estados Unidos. Parten dos 1.279 dólares na versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, mentres que a configuración con 16 GB e 512 GB custa 1.499 dólares.
As lentes forman parte dun sistema que tamén inclúe unha petaca independente encargada do procesamento. Este dispositivo integra Android XR, Google Play e Gemini, ademais dun panel táctil e un lector de pegadas para controlar a interface. Tamén se pode conectar un ordenador ás lentes para utilizalas como monitor externo. Este concepto pode lembrar ás Meta VR Glasses, pero teñen unha grande diferenza conceptual: nas lentes de Xreal o contorno real non chega a través de cámaras, senón a través dun cristal sobre o que se proxectan gráficos.
As Xreal Aura empregan ópticas X Prism e paneis Sony Micro-OLED cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles por ollo, unha frecuencia de actualización de ata 120 Hz e un campo de visión de 70 graos. As lentes son transparentes e incorporan cinco niveis de transparencia mediante escurecemento electrocrómico, permitindo combinar o contido virtual coa visión do espazo real.

O sistema de percepción conta con dúas cámaras orientadas cara ao exterior, seguimento espacial 6DoF, seguimento das mans e percepción mediante IA. Tamén incorpora unha cámara de alta resolución cun indicador LED de privacidade. O apartado sonoro recorre á tecnoloxía de Bose, con audio espacial proporcionado por Android XR e unha matriz de catro micrófonos.
A petaca utiliza a plataforma Snapdragon Reality Elite de Qualcomm, conta cunha batería de 4.455 mAh (34,84 Wh), Wi-Fi 6/6E e Bluetooth 5.3. Dispón de dous portos USB-C, un para as lentes e outro para carga e entrada DisplayPort, e admite tamén teclados, ratos e mandos Bluetooth.
As Xreal Aura estarán dispoñible en dous talles, M (60-66 mm) e L (66-72 mm), sen diferenza de prezo. A reserva anticipada require un depósito de 199 dólares (199 euros en Europa), que se descontará do importe final. As primeiras unidades chegarán antes do Nadal a EE.UU., Canadá, Xapón e Corea do Sur, mentres que Europa teremos que agardar a 2027.

