
O Goberno dos Estados Unidos suspendeu o acceso de Microsoft, Adobe, Cognizant, Infosys, Tata Consultancy, Wipro, HCL Technologies e Capgemini ao programa de certificación laboral permanente (PERM), un procedemento que permite aos empregadores patrocinar traballadores estranxeiros para que poidan obter a residencia permanente no país.
O secretario de Traballo estadounidense, Keith Sonderling, confirmou que o departamento non aceptará novas solicitudes de certificación laboral destas empresas nin tramitará as que permanecen pendentes. A decisión enmárcase nunha investigación sobre o suposto uso fraudulento dos programas de contratación de traballadores estranxeiros.
O vicepresidente JD Vance acusou as compañías afectadas de aproveitar os visados H-1B, destinados a profesionais estranxeiros con cualificacións especializadas, para substituír empregados estadounidenses por traballadores internacionais e reducir os custos laborais. Microsoft foi o principal obxectivo das críticas, despois de que Vance a acusase de despedir persoal estadounidense mentres continuaba recorrendo a este sistema de contratación.
«Non houbo ningunha empresa nos Estados Unidos que abusase máis deste sistema ca Microsoft», afirmou o vicepresidente. Vance sostivo que a compañía despedira uns 6.000 traballadores estadounidenses e presentara miles de solicitudes de visados H-1B durante o mesmo período, ademais de beneficiarse de autorizacións de residencia permanente. Sorprende que estas acusacións cheguen o mesmo día no que o presidente Trump outorga unha medalla a Satya Nadella polo seu liderado en Microsoft.
Microsoft rexeitou esa interpretación e asegurou que a gran maioría dos seus empregados nos Estados Unidos son cidadáns estadounidenses. Nun comunicado publicado o mesmo día, explicou que das aproximadamente 6.000 solicitudes de visado H-1B presentadas durante o último exercicio fiscal, o 80 % estaban destinadas a ampliar ou modificar a situación migratoria de empregados que xa traballaban na compañía.
As solicitudes restantes correspondían a novos empregados que xa residían legalmente nos Estados Unidos e decidiran incorporarse ao seu cadro de persoal. Segundo Microsoft, estas contratacións equivalían aproximadamente ao 1 % do total dos seus traballadores no país, polo que non se trataba de persoas que acabasen de chegar do estranxeiro.
A empresa de Redmond tamén defendeu as súas condicións salariais. Asegurou que os profesionais contratados mediante visados H-1B reciben a mesma remuneración ca outros empregados que realizan traballos comparables e que os seus salarios se sitúan entre os máis elevados das solicitudes deste tipo. Microsoft afirmou que facilitará información adicional á Administración para responder ás acusacións.
O programa H-1B permite contratar temporalmente profesionais estranxeiros en ocupacións especializadas cando as empresas precisan competencias difíciles de cubrir mediante a contratación nacional. O número de novos visados está limitado, con carácter xeral, a 85.000 anuais, aínda que existen excepcións. O procedemento PERM constitúe unha vía para que determinados traballadores poidan acceder á residencia permanente, habitualmente mediante a obtención dunha green card.
A suspensión non se limita ao sector tecnolóxico. A Administración estadounidense tamén anunciou que investigará nove institucións de educación superior, entre elas as universidades de Harvard, Yale e Stanford, por posibles irregularidades no uso dos programas de visados J-1, destinados a determinadas categorías de visitantes internacionais.

