
O mundo do videoxogo ten unha cita en Barcelona que comeza hoxe venres, 9 de outubro, e se estende ata o domingo 11, trátase da primeira edición do SAGA Barcelona Game Fest que se celebra no recinto Fira de Barcelona Montjuïc. Até alí desprazarase o alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videogoxos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) para presentar os seus xogos: Purgatory Hoops, Néboa’s Hut e Splash on Contact.
Emporiso, neses tres días o público asistente ao evento poderá visualizar os tráilers e probar as demos destes tres proxectos nados como Traballo Fin de Máster (TFM) no stand da Universidade da Coruña (UDC).
Indo aos xogos, Purgatory Hoops, desenvolvido por Ecliptika Collective, é un shooter en primeira persoa no que o xogador ou xogadora emprega unha pelota de baloncesto como arma para combater hordas de demos nun partido ambientado no purgatorio cun único obxectivo final: chegar ata o diaño e derrotalo. A proposta combina supervivencia por roldas, puntuación e combate nunha area que modifica a súa aparencia en función do nivel. A persoa que xoga dispón de diferentes tipos de lanzamentos e movementos especiais e, entre fases, pode adquirir obxectos cos que mellorar as características do seu personaxe. Detrás deste título están os estudantes do Campus Industrial de
Ferrol: Jacobo Lata Espiñeira, Hugo López Permuy, Irene Lorenzo Rodríguez, Jean Luis Manay Gutiérrez, Aarón Mera González, Brais Morgade Valcárcel e Manuel Otero Rivera.
En canto ao Néboa’s Hut, creado por Conxuro Studio, é un videoxogo narrativo no que o xogador ou xogadora debe vender remedios naturais ao mesmo tempo que tenta evitar que as persoas que os mercan descubran as súas habilidades máxicas. A xogabilidade distribúese en tres espazos principais: o mostrador (no que se venden os remedios), o caldeiro (onde se elaboran) e o xardín (no que se recollen os ingredientes necesarios para a súa elaboración). Cada localización preséntase mediante unha cámara estática e combina elementos gráficos en 2D e 3D. Forman parte deste equipo os estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF): Iago Fernández Garrido, Marcos Filgueiras Baamonde, Diego Cordero Contreras, Iván Ernesto Iglesias Pena e María Victoria Moreno González.
Por último, falarmos do Splash on Contact, desenvolvido por True Encore, é un videoxogo de acción e aventura con perspectiva isométrica no que o protagonista debe protexer e escoltar a outro compañeiro ao longo dun nivel mentres diferentes inimigos intentan acabar con eles. Os niveis estrutúranse en salas interconectadas polas que ambos deben avanzar. En cada unha delas poden producirse emboscadas, polo que o xogador ou xogadora deberá facer fronte a estes contratempos mentres garante a supervivencia do compañeiro de viaxe do protagonista. Integran este estudo os estudantes do Campus Industrial de Ferrol: Diego Tabas Costa, Ángel Quintero Montes, Liany Mederos Pérez, Sara Buedo Fernández e Álvaro García Peña.
Engadir que o SAGA Barcelona Game Fest xorde da unión do SAGA Salò del Gamming, do Barcelona Game Fest e da RetroBarcelona. Cunha superficie de 14.000 metros cadrados adicados ao sector do videoxogo, o encontro pretende converterse nun espazo de referencia no sur de Europa reunindo a estudos e a proxectos procedentes de máis de 35 países.
A programación inclúe a máis de 200 videoxogos independentes e supera os 500 puntos de xogo. Tamén conta cunha área retro con máis de 150 máquinas recreativas, campionatos de deportes electrónicos, propostas de realidade virtual, exposicións, conferencias, obradoiros outras actividades dirixidas tanto a profesionais como ao público xeral.
No evento pódese atopar unha área profesional na que se realizarán preto de 1.500 reunións de negocio. A vertente vinculada á formación e á incorporación de novos profesionais ao sector complétase co Talent Dev Day, unha iniciativa que pon en contacto empresas da industria con estudantes e persoas recentemente tituladas.

