
A XGN Intermax puxo punto e final á súa World Champions Edition, celebrada desde o pasado venres no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, cun total de 925 inscritos. A cifra supón un incremento do 6,6 % respecto da edición anterior, na que participaron 867 persoas, e sitúa esta 26ª edición como a segunda máis concorrida desde que o recinto feiral asumiu a organización do evento hai once anos.
A participación quedou a só sete inscritos do récord de 932 rexistrado en 2019, un dato que alimenta as expectativas de superar esa marca na próxima edición. Durante tres días, os asistentes gozaron dunha conexión á Internet de ata 40 Gbps, dunha rede cunha elevada estabilidade e dun programa que combinou formación, competicións e actividades de lecer dixital.

O evento incluíu obradoiros, videoxogos, arte dixital, programación de robots e concursos de personalización dos espazos informáticos dos participantes. A entrega de premios celebrouse o pasado domingo e repartiu preto de 6.000 euros, ademais dun trofeo especial impreso en 3D para o gañador do torneo FIFA 2027: World Champions Edition.
A cita contou co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio de Intermax Technology. A empresa tecnolóxica galega incorporouse ao proxecto en 2024 e permitiu duplicar a velocidade de conexión dispoñible para os asistentes.

A convivencia volveu ser un dos elementos destacados da edición, marcada polo respecto e a cordialidade entre os participantes. Os resultados tamén reforzan o carácter interxeracional do encontro, que reúne tanto afeccionados á informática como profesionais do sector tecnolóxico.
A idade media dos inscritos situouse nos 32 anos, cunha presenza destacada de familias que compartiron actividades e aprendizaxes entre distintas xeracións. Entre os asistentes tamén houbo estudantes, traballadores de sectores diversos, enxeñeiros de empresas tecnolóxicas e especialistas en informática.

Aínda que Galicia concentrou unha parte importante da participación, a XGN Intermax reuniu inscritos doutras dez comunidades autónomas, unha máis que en 2025. Ademais de Galicia, acudiron asistentes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Canarias.
