
Será este xoves, 15 de outubro, cando o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol inaugure unha nova edición do ciclo de conferencias Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade, organizado por un grupo de profesores e profesoras do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) grazas á unha convocatoria propia da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC) e ás axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia.
Indo ao ciclo, sinalar que arranca este xoves 15 de outubro, ás 12:30 horas, coa conferencia Intelixencia Artificial: da aprendizaxe automática aos axentes de IA, impartida polo catedrático de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Universidad de La Laguna (ULL), Juan Albino Méndez Pérez. O relator abordará a evolución da intelixencia artificial, desde os sistemas de aprendizaxe automática ata o desenvolvemento dos axentes de IA, capaces de realizar tarefas e de interactuar coa súa contorna cun maior grao de autonomía.
A segunda sesión terá lugar o mércores 28 de outubro, ás 12:30 horas, da man do catedrático de Enxeñaría de Sistemas, Automática e Informática Industrial da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), Ramón Costa Castelló, quen pronunciará a conferencia titulada: O papel do control automático no ciclo do hidróxeno. O relatorio centrarase na importancia dos sistemas de control
automático nos procesos relacionados co hidróxeno, unha tecnoloxía de vital importancia no marco da transición enerxética e da descarbonización da industria.
A última sesión será o xoves 29 de outubro, ás 12:30 horas, coa intervención da catedrática de Enxeñaría de Sistemas e Automática e directora da Cátedra Extraordinaria ONCE-Tiflotecnología da Universidad Complutense de Madrid (UCM), María Guijarro Mata-García. No seu relatorio titulado: Das máquinas que calculan ás que crean: intelixencia artificial, IA xerativa e inclusión, reflexionará sobre a evolución destas tecnoloxías, as posibilidades que abre a Intelixencia Artificial xerativa e a importancia de promover un desenvolvemento tecnolóxico accesible e inclusivo.
Lembrar que este terceiro ciclo de conferencias Auto- Sinerx-IA está dirixido ao alumnado das titulacións de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Con todo, a actividade tamén está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.
