
A organización internacional TechBreakthrough, con sede en California, especializada en intelixencia de mercado vén de recoñecer ao centro vigués Gradiant cun galardón pola súa plataforma de detección multimodal, Veraquo.
Gradiant, centro tecnóloxico especializado en tecnoloxías deep tech que transforma o coñecemento en solucións innovadoras con impacto real na industria e a sociedade reforza o seu posicionamento en deepfake detection con este premio. Falamos de Veraquo, a plataforma de detección multimodal desenvolvida polo centro, seleccionada como gañadora dos CyberSecurity Breakthrough Awards 2026 na categoría Deepfake Detection Solution of the Year, un galardón que pon en valor o desenvolvemento tecnolóxico de Gradiant nun eido cada vez máis relevante para a ciberseguridade: a detección de contidos manipulados ou xerados artificialmente. Veraquo emprega tecnoloxías de intelixencia artificial para analizar múltiples capas de risco e detectar indicios de manipulación ou xeración sintética. A súa aproximación multimodal permite traballar con diferentes tipos de contido e abordar escenarios relacionados coa fraude dixital, a suplantación de identidade, a desinformación ou a protección de evidencias dixitais.
A solución pode analizar imaxes, vídeos e audios, incluíndo contidos xerados artificialmente e voces clonadas, e dispón de capacidades orientadas á análise e trazabilidade de contidos dixitais. A plataforma resulta de utilidade para empresas e organizacións e tamén pode servir aos medios de comunicación, como ferramenta de apoio para verificar imaxes, vídeos e audios antes da súa publicación ou difusión.
“Este recoñecemento chega nun momento no que a expansión da IA xenerativa está a transformar a natureza da fraude dixital. A creación de contidos sintéticos é cada vez máis accesible e sofisticada, á vez que se reduce a capacidade de distinguir a primeira ollada entre contido auténtico e contido manipulado”, sinala Juan González, director de Seguridade e Privacidade en Gradiant.
O centro tecnolóxico galego presentou Veraquo internacionalmente na pasada edición da RSAConference 2026 de San Francisco, un dos principais encontros mundiais de ciberseguridade, onde amosou as súas capacidades para detectar imaxes e vídeos manipulados e voces clonadas.
Para rematar, dicir que os CyberSecurity Breakthrough Awards, integrados nos programas de recoñecemento de TechBreakthrough, distinguen cada ano solucións, empresas e profesionais que
salientan pola súa innovación no eido da seguridade dixital. O programa contempla diferentes áreas da ciberseguridade, desde a detección de ameazas e a protección de datos ata a intelixencia artificial, a xestión de identidades ou a prevención da fraude.
Entre os criterios considerados polo proceso de avaliación figuran a innovación, o rendemento, a funcionalidade, o impacto e o valor das solucións.
