
Vigo acolleu este venres 16 de outubro a VII edición do ForoTelecos Galicia, que reuniu a máis de 170 asistentes no Palacio de La Oliva. Na cita, o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (COETTGA) e presidente da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AGGETT), José Manuel Martínez Pérez, sinalou a vontade do colectivo que representa de “estar onde se toman as decisións tecnolóxicas” e “participar cando se lexisla, se planifica, se deseña e se decide”. E salientou a súa preocupación de que “de tanto funcionar en silencio, acabemos sendo invisibles”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que “os enxeñeiros de telecomunicacións fixeron de Vigo o Silicon Valley do século XXI. Altísimo nivel tecnolóxico destes profesionais e a súa absoluta solvencia nun mundo no que a comunicación é instantánea”.
Ademais, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou que, nun contexto de transformación tecnolóxica e dixitalización como o actual, Galicia non podería estar á altura dos desafíos “se non contase con redes de telecomunicacións adaptadas ao seu territorio e á súa poboación”, e subliñou «” importancia estratéxica dás telecomunicación”.
O decano do COETTGA agradeceu á reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, o traballo conxunto entre a Escola e o Colexio: “É xustamente o que necesitamos: pasar de dicir que hai que colaborar a colaborar de verdade”.
O foro, que organizan o COETTGA e a AGGETT e que o colexio define como “un evento único e de referencia no sector das telecomunicacións, tamén a escala nacional”, abriu coa presentación do DriveTest Galicia 5G, o estudo de cobertura móbil que realizaron este ano a AGGETT e o COETTGA co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA): un percorrido de 6.000 quilómetros percorridos por estrada e ferrocarril, cuxos datos o colexio prevé publicar en aberto.
Máis reivindicacións

Amais das devanditas reivindicacións, o decano do colexio reclamou conectividade de calidade en todo o territorio (“non abonda con que a cobertura apareza nun mapa, hai que medila, comprobala e mellorala onde non chega como debería”) e, tamén, “ecnoloxía que funcione de verdade en saúde, seguridade e servizos esenciais (“tecnoloxía que debe ser fiable, segura e estar ben deseñada”, comentou, engadindo que “detrás dun fallo técnico pode haber unha persoa agardando atención, unha resposta ou unha solución”).
O decano tamén esixiu que se valore o coñecemento profesional: “Nos proxectos públicos non pode contar unicamente o prezo, tamén a calidade, a seguridade, a experiencia e a responsabilidade”. Ademais, reclamou formar talento e xerar oportunidades: “Non podemos resignarnos a formar a persoas excelentes e despois ver como teñen que marcharse para atopar proxectos á súa altura”.
A maiores, pediu que “a colaboración se traduza en feitos entre o Estado, a Xunta, as administracións locais e provinciais, as universidades, as empresas e o Colexio”. E apuntou: “Non se trata de repartir reproches nin de facer unha lista de peticións. Trátase de colaborar, aproveitar o coñecemento que xa temos e conseguir que as boas ideas se convertan en proxectos reais”.
Como exemplo, o decano puxo á AMTEGA, cuxo director, Damián Rey, é enxeñeiro técnico de Telecomunicación, segundo destacou, e pediu que “ese modelo sexa estendido de maneira transversal ás administracións públicas, xa que non se trata de poñer un teleco en cada despacho, trátase de entender que a tecnoloxía non é un adobío, nin unha ferramenta secundaria, nin algo que se consulta cando xa está todo decidido”.
Lanzou tamén unha mensaxe concreta ás administracións, as empresas, os medios e as universidades: “Temos que volver chamar ás cousas polo seu nome: Telecomunicacións”. E aos propios profesionais expúxolles un reto: dedicar dous minutos ao día (120 segundos, o 0,14% do día) a contar a alguén que son graduados ou enxeñeiros técnicos de Telecomunicación e a explicar por que importa: “Se nós mesmos non somos capaces de dicir quen somos, non podemos agardar que os demais o saiban”.
Premios Enxeño 2026: recoñecemento da propia profesión

A gala entregou os Premios Enxeño, que o decano describiu como “premios que nos damos entre profesionais”.
Os galardoados desta edición son:

- Arturo Dopico: Premio Enxeño á Excelencia na Dirección de Grandes Empresas de Telecomunicación.
- Damián Rey, director da AMTEGA: Premio Enxeño á Traxectoria Institucional na Administración Pública.
- Marta Castro: Premio Enxeño á Excelencia en Tecnoloxías Disruptivas para as Telecomunicacións. O decano destacou que está “a patentar neuronas fotónicas autosostibles para intelixencia artificial con practicamente ningún consumo enerxético”.
- Alén Space: Premio Enxeño á Iniciativa Empresarial, recollido polo seu co-fundador, Alberto González. “Desde Galicia tamén se pode innovar, crear empresa e desenvolver tecnoloxía para competir nun sector tan esixente como o espacial”, dixo o decano.

- Carlos Manuel Marcote: Enxeñeiro do Ano, un premio “cun valor especial porque o concede a propia profesión”.

A velada incluíu ademais un recoñecemento especial, con entrega de ramo, á primeira colexiada, Emilia Seoane. “Ningunha profesión constrúe o seu futuro se esquece a quen abriu camiño antes”, sinalou o decano.
O ForoTelecos naceu en Vigo en 2020, pasou polas catro provincias galegas e volve á cidade onde empezou. Conta coa colaboración institucional da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo, e co patrocinio de PITT, Allied Telesis, Cellnex, Orange, Palo Alto Networks, Televés, Gradiant e Centum.
Os Premios Enxeño naceron co ForoTelecos e concédeos a propia profesión: “Son premios que nos damos entre profesionais. Quen sobe a recoller un sabe que llo dá a súa propia xente”, explicou o decano, José Manuel Martínez Pérez.
Miguel Corgos destaca o papel das telecomunicacións para garantir a seguridade

Na súa intervención no foro, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, apuntou que nun contexto de transformación tecnolóxica e dixitalización como o que estamos a vivir, Galicia non podería estar á altura dos desafíos “se non contara con redes de telecomunicacións adaptadas ao seu territorio e á súa poboación”.
O conselleiro de Facenda lembrou que “todos os grandes proxectos que ten a Xunta no uso e implantación das tecnoloxías” dependen do bo funcionamento das redes de telecomunicacións, porque “temos a poboación máis dispersa de España e unha orografía complicada”. Engadiu que, para afrontar esa transformación tecnolóxica “singular e avanzada”, o Goberno galego recoñece a importancia da especialización, e de “promover a creación e implantación de empresas e centros que concentren o coñecemento”.
Para poder levar a cabo todos estes proxectos, dixo, “é necesario termos unhas contas actualizadas, polo que hoxe aprobamos no Consello de Xunta os orzamentos para 2027, con máis de 15.000 millóns para dar resposta a todas as necesidades dos galegos e das galegas, tamén do voso sector que, como ben reza o lema desta xornada, conecta vidas”.
Miguel Corgos aproveitou para poñer en valor o labor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e do seu director, Damián Rey, un dos galardoados na gala do Foro Telecos 2026.
