
A edición 2026 da WordCamp Galicia (#WCGalicia) pechou este domingo 18 de outubro as súas portas na Facultade de Dereito do Campus de Elviña “co mellor dos balances”, segundo informou a organización, que engadiu que durante tres días intensos o encontro converteu á Coruña na capital do sector dixital e do código aberto, reunindo a 250 participantes, entre profesionais, creadores de contido, estudantes, empresas e entidades sociais, “nunha cita histórica para a comunidade tecnolóxica galega”.
A xornada de peche deste domingo estivo dedicada ao Contributor Day, a cita na que os asistentes traballaron de xeito conxunto e altruísta para devolver á comunidade parte do que esta ofrece. Divididos en mesas de traballo temáticas (tradución, desenvolvemento, soporte, deseño, accesibilidade ou documentación), ducias de voluntarias e voluntarios sumaron forzas para mellorar de xeito directo o software libre que alimenta máis do 40% das páxinas web de todo o planeta.
Tamén se convocaron ás comunidades tecnolóxicas da cidade para debater sobre as dificultades que afrontan na hora de dinamizar espazos de investigación e desenvolvemento, sobre os retos que propón a intelixencia artificial no eido profesional e sobre o papel activista que deben ou poden asumir as comunidades.
Coa sesión deste domingo púxose o ramo a unha fin de semana intensa que arrancou o venres 16 cun obradoiro de iniciación e un hackathon no que se colaborou con tres asociacións.
A actividade continuou o sábado 17 coa xornada central de conferencias, que contou cunha vintena de especialistas de primeiro nivel para abordar o futuro da intelixencia artificial e como afecta no deseño web, desenvolvemento ou desconexión dixital. Tamén se trataron outros temas como o comercio electrónico, o SEO e o deseño accesible.
A organización da WordCamp Galicia quixo agradecer á Universidade da Coruña, a colaboración dos 250 asistentes, relatores, equipos de voluntariado e patrocinadores clave como WordPress.com, Bluehost, WooCommerce e Hostinger, xunto cos provedores e empresas locais que fixeron realidade “a estrea herculina do evento”.
