
Cando este verán Sony presentou o seu smartphone Xperia 10 VIII comentamos que estabamos ante unha decepción máis desta familia de teléfonos móbiles, principalmente por ofrecer unha malísima relación entre prestacións e prezo, xa que a súa a súa configuración podería xustificar un prezo de pouco máis de 200 euros en vez dos 599 euros que pretendía cobrar Sony polo dispositivo.

Pero agora temos un motivo máis para desconfiar dos teléfonos da compañía nipoa, pois dúas xeracións atrás presentara o Xperia 10 VI, que chegou ao mercado con Android 14 prometendo 3 anos de actualizacións de sistema operativo e 4 anos de actualizacións de seguridade e, agora sorprenden anunciando que «tras realizar unha avaliación técnica detallada, determinamos que, debido a limitacións relacionadas coa configuración de almacenamento do dispositivo, o Xperia 10 VI non permite ofrecer unha experiencia de actualización a Android 17 que consideremos axeitada», motivo polo que decidiron non ofrecer tal actualización, comprometéndose a manter o compromiso coas actualizacións de seguridade.

Esta decisión de Sony é especialmente rechamante porque a súa política de actualización de sistema operativo xa era extraordinariamente cutre para unha marca reputada (outras compañías ofrecen ata 7 anos de actualizacións), e ofrecer só 2 actualizacións de sistema operativo para teléfono que chegou ao mercado a 399,90 euros semella todo un abuso por parte do fabricante nipón, e non sorprendería que fose motivo dabondo para que os usuarios puidesen presentar unha reclamación por publicidade enganosa.
