
O congreso DataFórum Xustiza 2026 abrirá as súas portas mañá na Coruña, con máis de 180 expertos en transformación dixital e Xustiza e 1.500 persoas rexistradas. Durante tres días, os participantes, na súa maioría do sector xurídico, analizarán como a dixitalización e a intelixencia artificial están a transformar a Xustiza.
O secretario de Estado de Xustiza, Manuel Olmedo, abrirá o acto inaugural (11.30h), no que tamén intervirán a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña, Laura Castro.
Ás 12.30h, será a quenda do relatorio inaugural, a cargo do experto mundial en IA e Cuántica José Ignacio Latorre, que defenderá a necesidade dun novo contrato social para gobernar un mundo con intelixencias non humanas.
O DATAfórum Xustiza é un evento anual itinerante centrado nos retos da dixitalización e organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes. Nesta edición, conta coa colaboración do Concello e a Universidade da Coruña e o apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado.
