
A incorporación de tecnoloxías avanzadas continúa progresando no tecido empresarial galego, segundo vén de confirmar AMTEGA a través do observatorio OSIMGA, que indica que en 2025 o 14,9% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia empregou intelixencia artificial, un 43,3% máis que o ano anterior. Nas microempresas, a adopción da IA pasa do 5,3% ao 9,8% nun ano, cun incremento relativo do 84,9%.
Son datos recollidos no informe Galicia Dixital. Tecnoloxías Disruptivas nas empresas de Galicia. Edición 2025, que publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMEGA). O estudo analiza a intelixencia artificial, o Cloud Computing, a analítica de datos e o Business Intelligence.
Na investigación indícase ademais que “nas empresas de 10 ou máis persoas traballadores a intelixencia artificial consolídase como unha ferramenta estratéxica para automatizar tarefas, optimizar procesos e apoiar a toma de decisións”. Ademais, faise saber que as solucións xerativas para crear imaxes, vídeos, sons ou audio son as máis estendidas: utilízaas o 54,6% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia e o 63,9% das microempresas que empregan IA.
O informe confirma que a intención de incorporar IA continúa aumentando: o 10,7% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia considerou adquirir esta tecnoloxía, fronte ao 4,1% do ano anterior. Nas microempresas, a porcentaxe sitúase no 2,6%.
A nube e a analítica de datos manteñen un forte avance
O 39,9% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia contrata servizos de computación na nube, o que supón un crecemento anual do 26,7%. A contratación de servizos na nube tamén avanza entre as microempresas: medra un 62,3% e alcanza o 9,9%.
A analítica de datos con persoal propio chega ao 35,1% das empresas de maior tamaño con sede en Galicia, cun avance do 28,1% respecto de 2024. Nas microempresas sitúase no 7,4%, un 10,4% máis que no ano anterior.
O Business Intelligence é cada vez máis utilizado
O uso de ferramentas de intelixencia nos negocios presenta “unha clara relación coa dimensión das compañías”, sinálase no informe, no que se engade que este tipo de ferramentas son empregadas polo 21% das empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia, fronte ao 4,2% das microempresas. Estas ferramentas de análise e visualización apoian unha toma de decisións máis baseada nos datos.
Especialización por sectores de actividade

Entre as empresas de 10 ou máis persoas traballadoras con sede en Galicia, o sector servizos presenta os niveis máis elevados de uso da intelixencia artificial. Nas microempresas, é a industria a que amosa a maior penetración desta tecnoloxía, vinculada á automatización e á mellora dos procesos produtivos.
Nas empresas de 10 ou máis empregados e sede en Galicia, o informe identifica unha maior presenza do Business Intelligence nas actividades vinculadas ao sector TIC, á información e comunicación e aos contidos. O uso destas solucións é máis frecuente nos servizos que na industria e na construción.
A analítica de datos con persoal propio presenta igualmente unha maior implantación nos servizos e na industria. O recurso a provedores externos é máis frecuente no sector servizos, especialmente entre as empresas de maior tamaño.

