
LaLiga recoñeceu ter sufrido un ciberataque que afectou a información persoal de usuarios rexistrados nos seus servizos dixitais e de algúns clubs. A intrusión permitiu extraer datos persoais, polo que a organización activou os protocolos de seguridade e iniciou as actuacións correspondentes para investigar o sucedido.
O acceso non autorizado produciuse o 14 de novembro e prolongouse ata o día 16, cando os equipos de seguridade identificaron a orixe da intrusión. Nese momento aplicaron medidas para conter o ataque, interromper a extracción de información e bloquear o responsable.
O incidente afectou a unha plataforma tecnolóxica empregada para prestar servizos aos seareiros, pero non comprometeu o resto dos sistemas de LaLiga nin o desenvolvemento das competicións. A organización non detallou cantos usuarios resultaron afectados nin que categorías concretas de información persoal quedaron expostas.
A intrusión foi comunicada á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), en cumprimento das obrigas legais, e tamén se presentou unha denuncia ante a Unidade Central de Ciberdelincuencia da Policía Nacional. Os clubs afectados recibiron información sobre o sucedido e están a coordinar as actuacións con LaLiga.

