
O CITIC da UDC participou os días pasados nas xornadas de capacitación en Castela e León do proxecto HIPA (Hub Interregional de Innovación en Sensórica del Movimiento y Agentes Inteligentes para la Promoción de la Autonomía Personal), celebradas os días 16 e 18 de novembro na Residencia de Persoas Maiores de Palencia e no Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid.
Nas actividades participaron Javier Pereira Loureiro, investigador do CITIC, coordinador do grupo TALIONIS e co-investigador principal de HIPA; Paula de Santos e Isabel Tuñas, ambas as dúas da Universidade da Coruña.
A súa participación permitiu dar a coñecer as súas capacidades tecnolóxicas no ámbito da captura e da análise do movemento, así como as súas aplicacións en rehabilitación, accesibilidade e promoción da autonomía persoal.
Javier Pereira destacou a acollida das sesións, tanto en Galicia como en Castela e León: “Estamos moi satisfeitos coa excelente acollida que tiveron estas xornadas de capacitación do proxecto HIPA, tanto nas sesións iniciais celebradas na Coruña como nas desenvolvidas esta semana en Castela e León. O luns comezamos nunha residencia de maiores en Palencia cunha asistencia extraordinaria de case 50 profesionais, o que demostra o enorme interese real por incorporar estas ferramentas ao coidado diario”.
As tecnoloxías de captura de movemento do CITIC
O CITIC presentou as capacidades da súa sala de captura de movemento e diferentes tecnoloxías das que dispón para a análise do movemento humano. Entre elas, déronse a coñecer, mediante vídeos, os traballos sobre identificación de patróns de movemento en persoas con artrose de xeonllo, así como o seu sistema de realidade virtual, o seu sistema de movemento cativo e o equipamento para a captura de movementos finos da man.
O centro mostrou tamén a súa tecnoloxía de captura óptica do movemento mediante marcadores infravermellos, baseada no sistema de cámaras OptiTrack instalado nas súas dependencias da Coruña. Este equipamento permite rexistrar con precisión o movemento e constitúe unha ferramenta de interese para diferentes aplicacións de investigación e avaliación funcional.
Un exemplo destas posibilidades é o traballo da investigadora predoutoral do CITIC Isabel Tuñas, que presentou a súa experiencia no desenvolvemento da súa tese de doutoramento. En palabras de Pereira, “(Isabel Tuñas) logrou avaliar 130 participantes con artrose de xeonllo utilizando a tecnoloxía OptiTrack. Este tipo de capacidades técnicas están plenamente abertas e accesibles para impulsar novos estudos clínicos interrexionais entre Galicia e Castela e León”.
Estas capacidades complementan as tecnoloxías abordadas durante as sesións formativas, que incluíron o uso de sensores vestibles para o rexistro da marcha, sensores inerciais e electromiografía de superficie, así como a análise de curvas cinemáticas e de actividade muscular a partir de casos clínicos.
As xornadas reuniron máis de 70 profesionais sanitarios e sociosanitarios, entre fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal médico e de enfermaría, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría, traballadores sociais e responsables de centros residenciais. Tamén participaron profesionais de colexios e clínicas privadas.
HIPA busca achegar a sensórica do movemento e a intelixencia artificial aos profesionais sanitarios e sociosanitarios para mellorar a autonomía persoal e a calidade de vida das persoas maiores e con discapacidade. O proxecto parte de tecnoloxías validadas en investigacións previas dos grupos participantes e lévaas aos centros de atención para que os propios profesionais poidan probalas e contribuír a adaptalas á súa práctica diaria.

