
OpenAI e Cisco presentaron Shirudo, unha ferramenta de código aberto destinada a protexer sistemas Linux fronte a vulnerabilidades de seguridade mentres se preparan e despregan as correspondentes actualizacións. O proxecto permite aplicar proteccións temporais directamente sobre sistemas en funcionamento, sen necesidade de reinicializalos nin interromper os servizos.
A iniciativa responde a un problema habitual na administración de infraestruturas: entre a identificación dunha vulnerabilidade e a instalación dun parche poden transcorrer días ou semanas. Durante ese intervalo, os sistemas continúan expostos a posibles ataques. Bloquear completamente as operacións afectadas tampouco adoita ser unha solución viable, xa que pode impedir o funcionamento normal das aplicacións.

Shirudo (termo xaponés que significa escudo) utiliza eBPF, unha tecnoloxía de Linux que permite executar pequenos programas en puntos específicos do sistema operativo. Deste xeito, pode observar actividades sospeitosas e introducir mecanismos de protección selectivos no núcleo do sistema, sen ter que deter os procesos afectados.
O funcionamento baséase na creación de proteccións temporais denominadas shields. Os equipos de seguridade poden comprobar primeiro o efecto destas medidas sobre as aplicacións e verificar que bloquean o comportamento vulnerable sen interferir coas operacións lexítimas. Unha vez aprobadas polo administrador, as proteccións poden activarse directamente sobre os sistemas en funcionamento.
Unha das posibilidades máis destacadas é a utilización de axentes de intelixencia artificial para investigar vulnerabilidades, desenvolver estas proteccións e comprobar a súa eficacia fronte a ataques e cargas de traballo reais. OpenAI e Cisco queren proporcionarlles aos axentes ferramentas programables para acelerar estas tarefas, aínda que a decisión de activar as proteccións continúa baixo o control dos responsables de seguridade.
O proxecto incorpora tamén mecanismos para garantir a integridade das medidas aplicadas. Os shields están asinados e verificados criptograficamente antes de cargarse, mentres que o verificador eBPF de Linux comproba que os programas cumpren as regras de seguridade establecidas. Ademais, Shirudo utiliza un módulo de plataforma de confianza (TPM) para manter un rexistro verificable das proteccións que se cargan ou retiran do sistema.
A utilidade práctica desta tecnoloxía quedou reflectida nunha proba controlada na que un shield xerado mediante Codex conseguiu bloquear un intento de explotación de Java4Shell contra un servizo Elasticsearch en funcionamento. Para conseguilo, o sistema engadiu unha comprobación de entrada ao decodificador Base64 de Java e asociouna directamente ao proceso afectado. A entrada maliciosa foi rexeitada sen interromper Elasticsearch nin reiniciar o servizo.
Shirudo pretende avanzar cara a infraestruturas capaces de reaccionar ante novas ameazas sen comprometer a dispoñibilidade dos servizos. Entre os obxectivos a longo prazo figuran identificar automaticamente os sistemas afectados, validar as proteccións necesarias, limitar os permisos das aplicacións e facilitar a recuperación de servizos a estados seguros e verificables.
OpenAI e Cisco publicaron o código do proxecto en GitHub baixo a licenza BSD 2-Clause, mentres que os programas BPF utilizan licenzas BSD e GPL. A iniciativa está aberta á participación de desenvolvedores, investigadores de seguridade e administradores de infraestruturas Linux, que poden contribuír ao desenvolvemento do sistema e á creación de novas proteccións.
O proxecto ofrece xa documentación, unha guía para probar Shirudo nunha máquina virtual e un laboratorio práctico desenvolvido por Isovalent. Está previsto, ademais, un seminario técnico en liña para o 15 de decembro.

