
Para comezar a súa exposición, Jobs comezou cun produto totalmente novo, Time Capsule, que pretende satisfacer a demanda de copias de seguridade cun dispositivo sen fíos con conectividade IEEE 802.11n e capacidade de entre 500 Gb e 1 Tb para manter os datos a salvo de xeito automático, salvando as limitacións de Time Machine.
Tras esta novidade, confirmáronse novidades na vindeira versión do firmware do iPhone, móbil do que xa venderon 4 millóns de unidades supondo xa o 19,5% dos teléfonos intelixentes nos EE.UU.
O iPod Touch tampouco quedaría de lado, e para achegalo máis en prestacións ó iPhone, Apple venderá a 19,99 dólares unha actualización que incluirá as aplicacións ausentes no dispositivo (que si están no terminal telefónico) coma son Mail, Maps, Stocks, Weather e Notes.

Pero se algo foi relevante de toda a intervención do fundador de Apple sen dúbida se tratou do novo portátil de Apple, o MacBook Air, que non destaca polas súas prestacións técnicas senón por ser o equipo deste tipo de menor grosor do mercado, de xeito que acada unha boa portabilidade combinada cun deseño moi atractivo.
Deixando de lado as novidades propias da compañía de Cupertino, Jobs tamén mencionou durante a súa presentación que o Office 2008 para Mac xa estaba á venda dende esta semana, aínda que este importante lanzamento de software parece que quedou eclipsado polos produtos hardware presentados.
Dende Daily Mahalo foron quen de resumir a presentación de 90 minutos en 60 segundos:
Steve Jobs presentou durante a MacWorld Expo as últimas novidades de Apple
Compartir Este Artigo

