Se Internet non se promove por si soa, haberá que axudala. Ou mellor aínda: facer todo o posible para que lles saia ao paso aos cidadáns. Nisto, en tentar afianzar as ligazóns da Rede –e máis concretamente da Rede de Telecentros de Galicia– coas realidades miúdas das vilas e das cidades galegas é no que se apoia a campaña presentada hoxe martes 15 pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual no Centro Multimedia de Santiago. A iniciativa, que semella desenvolvida para falar por si mesma (chámase Comunícate), vén acompañada dun estudo sobre o emprego que se lle está a dar aos devanditos puntos de conexión e no que se tentou localizar os seus puntos febles.
A finalidade da investigación: atoparlles a aqueles unha solución e servir de alicerce e lanzadeira á propia proposta Comunícate e, en última instancia, á Internet en Galicia.
No estudo, que foi elaborado pola firma Roadmap, ponse de manifesto un problema de base que ten que ver coa idea que abre este artigo: a falta de conexión entre algúns telecentros e as súas vilas. De feito, sinálase, un 40% das persoas enquisadas non sabe que ofrece un destes puntos de conexión mentres que case a metade descoñece a existencia do mesmo no seu concello.
Porén, este baleiro informativo, localizado polo miúdo nalgunhas vilas galegas, ten solución, segundo apuntou a Dirección Xeral. Esta pasaría por meter a Rede no día a día dos veciños e veciñas, apostando por un labor de dinamización que tamén sexa de integración do dixital. De feito, a idea é acadar que as persoas responsables dos telecentros teñan un fondo coñecemento das novas tecnoloxías coas que traballan pero tamén da realidade da vila.
Neste senso, empregarase o programa Comunícate para afianzar unha ligazón dupla: a dos veciños cos telecentros e a dos veciños coa Sociedade da Información. Asemade, a Dirección Xeral pretende implicar ao máximo aos concellos, co fin de que obteñan o maior rendemento posible dos puntos de acceso. Entre as moitas accións que abrangue o programa atopamos as seguintes: a identificación axeitada dos telecentros nos concellos nos que están habilitados (que se saiba onde están e para que serven); a realización de xornadas informativas sobre o seu funcionamento para os responsables, asociacións e colectivos de interese (a proposta apóiase neste senso no modelo irlandés: o que busca o labor dinamizador das asociacións como mensaxeiras das novas tecnoloxías no rural); a axuda aos concellos na posta en marcha de iniciativas locais ou (tamén) a localización de usuarios potenciais co fin de achegarlles información para que usen o telecentro. Por certo que segundo informa a Dirección Xeral e facendo referencia a este último punto, sinalar que os colectivos que presentan maior potencialidade de cara a empregar estes centros de acceso serían os maiores e a mocidade.
A Rede de Telecentros galega
Un telecentro de comunicación (TC) é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.
A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos concellos onde se sitúan. Actualmente, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña, Abegondo, Boiro, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo.

