A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación (COIT) veñen de unir forzas para darlle un novo pulo aos servizos dixitais en España. Máis polo miúdo, a idea sobre a que descansa o acordo (asinado hoxe en Madrid), é a de situárense ombro con ombro para afrontar unha serie de retos, ou, se se quere, eivas que solucionar respecto da Sociedade da Información no Estado español. Por exemplo: o afianzamento da Televisión Dixital Terrestre (mellorar ao máximo a cobertura da TDT e, sobre todo, conseguir que os cidadáns saiban que se trata de algo moito máis completo cá televisión tradicional), o despregue de redes de novas xeración ou a incorporación das vivendas ó Fogar Dixital (un novo tipo de fogar dende o que podemos traballar a distancia ou mesmo levar a cabo todo tipo de trámites coa Administración).
Isto polo que respecta aos retos. Con todo, o marco de colaboración establecido polo acordo devandito vai alén do puramente colaborativo entre ámbalas partes, como se pode comprobar no comunicado emitido polo Ministerio de Industria. Así, a intención non é só facer participar dun xeito máis activo aos enxeñeiros de Telecomunicación no afianzamento do dixital en España, senón tamén ás institucións públicas, aos usuarios e á sociedade en xeral. Deste xeito, o Goberno pretende tirar proveito do que considera un colectivo con potencialidades e formación especiais para darlle un pulo á Sociedade do Coñecemento: o dos ditos enxeñeiros de Telecomunicación, que figuran no dito acordo como “técnicos competentes que son quen de realizar tanto estudos, certificacións, proxectos e propostas técnicas, como labores de divulgación das novas tecnoloxías da información”.
Volvendo ao tema da TDT, dicir que no convenio establécese que a Secretaría de Estado e o COIT coordinarán a definición dos pasos a seguir no deseño, execución, dirección de obra e certificación dos reemisores de TDT, desenvolvéndose de xeito paralelo un grupo de traballo para garantir o cumprimento dos prazos preestablecidos.
Os enxeñeiros de Telecomunicacións colaborarán de xeito máis activo no pulo ao dixital
Compartir Este Artigo

