
O xurado concedeulle o premio a Google por ter feito posible «unha xigantesca revolución cultural» (daí o alcume de xigante que lle puxeron os internautas) e por ter «propiciado o acceso xeralizado ao coñecemento» en pouco máis dunha década.
O español José Luis Pardos, foi o diplomático encargado de propor ao xigante americano como candidato ao premio e sumarse así a outros galardoados no campo da Comunicación e as Humanidades como a National Geographic Society, Umberto Eco, o Instituto Caro, o xornalista Jean Daniel ou as revistas Science e Nature, que acadaron o premio de maneira conxunta o pasado ano.
O galardón, dotado con 50.000 euros e a reprodución dunha estatuíña deseñada por Joan Miró, é o cuarto que se falla tralos de Cooperación Internacional, Artes e Investigación Científica e Técnica.
Larry Page recolleu o premio
Aínda que non estaba prevista a súa asistencia, Larry Page, o co-fundador de Google acudiu á cerimonia de entrega dos Premios Príncipe de Asturias, no que foi toda unha agradable sorpresa, posto que as visitas a España dos máximos responsables de Google son bastante pouco frecuentes.
Amais, tamén se comentou a curiosidade de que Page fixo entrega ao Príncipe de Asturias dun terminal telefónico T-Mobile G1, tamén coñecido coma o teléfono de Google, que sería o primeiro dispositivo móbil en contar oficialmente co sistema operativo Android integrado.
Para celebrar os Premios, dende Google tamén estrearon unha aplicación en Google Earth que permite aos internautas a localización dos 288 galardoados pola Fundación Príncipe de Asturias, coa súa cidade, país de orixe e data do premio.
Vídeo no que se presenta a posibilidade de atopar aos galardoados co Premio Príncipe de Asturias a través de Google Earth |

