Do tradicional e o innovador, xuntos, sae case sempre a mellor aposta, en boa medida porque non se innova da nada: se siga ou se rompa unha liña, fai falta apoiarse no que xa existe. Dito para que se entenda: a innovación de meirande calando soe vir de quen ten máis historia. E para empresa histórica, a firma galega Castrosúa, que iniciou a súa andaina en 1948 e a día de hoxe sigue a dar sinais de proxección cara ao futuro. Por exemplo: todo o que atinxe a súa nova presenza na Rede, un espazo desenvolvido pola firma Dos Espacios (con sede en Vilagarcía) e que inclúe novidades salientables de deseño e estruturación. A páxina, que está disposta en flash, preséntase a pantalla completa e cunha vontade de establecer conexión visual co internauta dende os comezos mesmos da sesión. De feito, a web ábrese cunha fotografía en 360º da entrada mesma da empresa galega, e é aí mesmo onde se sitúan as seccións do menú, que por outra banda poden modificarse segundo as preferencias do usuario para así coñecer tamén os emprazamentos externos das instalacións.
Entre outras cousas, a nova páxina inclúe unha sección de Novas (onde a firma habilitará toda a actualidade referida á propia empresa e ao sector do transporte, así como relacións de eventos e presentacións de produtos), outra de Quen somos (onde se dá conta da historia da compañía, de xeito cronolóxico e dende as súas orixes) e outra de Filosofía (que serve para informar da estratexia da firma a día de hoxe, facendo especial fincapé no que para Castrosúa constitúe un gran compromiso irrenunciable: a responsabilidade social).
Outra das seccións de meirande relevancia é Produtos, que, como o seu propio nome indica, dá acubillo ás presentacións en detalle do novo material que sae da casa en materia de innovación aplicada ao transporte, como por exemplo o bus híbrido Tempus (vehículo ecolóxico e sostible especialmente indicado para os cascos históricos das cidades) ou o City Versus (un modelo deseñado para contornos urbanos).
Polo que se refire aos idiomas dispoñibles, o novo emprazamento virtual de Castrosúa disponse polo de agora en dúas linguas, castelán e inglés (agardamos que en breve se inclúa o galego).
Segundo apunta o equipo responsable da posta en marcha da páxina web (a empresa Dos Espacios, membro da asociación de Ineo), esta cumpre cos criterios requiridos de accesibilidade, presentándose tamén coma un exemplo de recurso autoxestionable ao cen por cen pola propia empresa á que representa.
Castrosúa renóvase a fondo na Rede
Compartir Este Artigo

