A Autoridade Portuaria da Coruña está a apostar pola informática achegada dende a nosa terra e, máis concretamente, por ferramentas tecnolóxicas que contribúan ao aforro e á eficacia de recursos dentro do seu seo. Segundo informa o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) no seu boletín informativo do mes de xullo, a Autoridade abriu o proceso de aplicación dun software a medida e específico que permite que cada área elabore os seus orzamentos e realice un seguimento dos gastos con independencia de que dende a Dirección Xeral se determine o presuposto final de cada exercicio. A implementación do software, que vén da man do dito Instituto, lévase a cabo en dúas fases. Na primeira, que arrincou en 2008, deseñouse e desenvolveuse unha ferramenta para que cada un dos máis de vinte centros de responsabilidade que xestionan recursos na dita Autoridade puideran efectuar os seus orzamentos. O obxectivo fundamental da medida foi traballar a prol de tirarlle o máximo rendemento aos efectivos económicos dispoñibles, tanto a nivel de gasto como de investimento.
O software posto en xogo por ITG contribúe a levar á práctica esta filosofía da eficacia e a optimización de recursos, achegándolle a cada área de responsabilidade un novo tipo de traballo: o que se fai determinando en todo intre os recursos económicos de cada acción, sabendo e indicando canto custa, que alcance ten e se se pode facer dun xeito máis económico e, ao mesmo tempo, cumprindo co regulamento vixente.
Polo que respecta á segunda fase do proxecto, dicir que se está a pór agora mesmo en marcha e consiste en preparar ao máximo a ferramenta informática para que permita efectuar avaliacións permanentes do orzamento e do estado de xestión no que se atopa cada centro de responsabilidade en materia das súas actuacións dende o punto de vista económico. “Para conseguilo”, informan ITG e a Autoridade, “preparouse un contorno sinxelo no que abonda con ter nocións de Excel ou de calquera folla de cálculo, sen que sexa preciso saber de contabilidade”.
ITG implanta na Autoridade Portuaria da Coruña un software específico para seguir os gastos
Compartir Este Artigo

