
O lugar no que estamos citados: o Coliseum da Coruña. Por certo que serán catro días (do 9 ao 12 de outubro), nada máis e nada menos, de actividade internauta ao servizo dos seareiros das novas tecnoloxías da información.
Todo isto significa (entre outras cousas) o seguinte: que falta ben pouco para que se abran as portas do encontro, e que os que desexen acudir, en calquera dos formatos dispoñibles (formato de seareiro en xeral ou formato de internauta inscrito-participante), cómpre que estean atentos. Detrás da xuntanza está a Asociación da Mocidade Informática Galega (AMIGA), que facilitará a conexión a Internet para unhas 1.500 persoas ao longo dos devanditos catro días.
Polo que respecta aos asistentes, disporán dunha rede local para interconectalos (a eles e aos restantes internautas) así como dunha conexión de alta velocidade. Asemade, e xa que a Rede non só se navega, senón que tamén se fala e se debate, terán a posibilidade de intervir nun amplo abano de actividades que van dende os relatorios, as mesas redondas e as exposicións ata a posta en longo de todo tipo de produtos, concursos, xogos e proxeccións videográficas. Amais disto e sen saírmonos do programa de contidos da Arroutada, dicir que haberá tamén sesións divulgativas arredor do software libre e do movemento Scene, fronte social de artistas do eido da informática presente durante as catro xornadas en que se vai desenvolver o evento.
No tocante á extranet, unha das áreas máis visitadas polas persoas alleas á party en si, este ano estará composta por varias consolas con xogos, un futbolín, unha mesa de ping-pong e varias mesas con cartas, sobre todo con vistas a que os participantes “poidan descansar un pouco de tanto ordenador e consigan un anaco de lecer”.
Co obxectivo de que todo saia o mellor posible, a asociación AMIGA conta co apoio dunha importante listaxe de institucións e empresas: o Concello da Coruña, IMCE (responsable da xestión do propio Coliseum), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática), a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o operador R, Microsoft, Xbox 360, Dynos Informática, Cisco Systems, Antec, TakeMS ou Hauppauge, entre outras. A xuízo da organización, falar de Arroutada Party non é falar de calquera reunión máis ou menos concorrida de internautas: “O noso maratón é un paradigma da influencia da informática na sociedade galega. No intre do seu comezo, en 1995, conseguiu reunir a preto de cen persoas cos seus respectivos computadores e a máis do dobre desta cifra no que respecta a visitantes en xeral, e todo isto nuns tempos en que as redes aínda estaban a arrincar no seu espallamento mundial”.
A edición dezaseis da Arroutada Party ofrecerá catro xornadas de rede ininterrompida
Compartir Este Artigo

