Afondar nas novas tecnoloxías da información constitúe un dos grandes debates do noso tempo, amais dun reto de envergadura. De feito, cada vez é máis firme a crenza de que a ampla paisaxe comunicativa descuberta coa chegada da era dixital só pode explorarse coa colaboración, mesmo entre empresas que noutro contexto só terían contacto para competir e pouco máis. Pero é que as redes da comunicación, como o seu nome indica, practicamente obrigan aos seus participantes a ter diálogo, e de aí a facer fronte común, sen renunciar (iso si) a competir, non hai máis que un paso. Esta amizade entre rivais (no bo sentido do termo) é precisamente a base de GaliciaTIC, un congreso que os días pasados, coa celebración da sétima convocatoria, deu mostras de ter moitas edicións por diante: polo menos, mentres existan tecnoloxías aplicadas ao eido empresarial.
De feito, ese foi o miolo da xuntanza: cómo tirarlle partido ás novas ferramentas dixitais para sermos máis eficaces na xestión e no control da nosa compañía.
O acto contou coa presenza de varios centenares de profesionais e empresarios galegos e do resto do estado, todas/os reunidos no Centro Social Caixanova de Vigo e cun reto ben claro por diante: o reto da competitividade pola vía TIC.
Por certo que disto tamén falou Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización da Xunta, quen acudiu á xuntanza para participar na sesión de apertura e achegar a súa visión particular do devandito reto.
Para ela, non hai dúbida de que as novas tecnoloxías da información teñen potencial de abondo non só para reactivar o que xa está reactivado (as empresas, institucións e persoas que as usan), senón tamén para encher os baleiros de desenvolvemento social e económico de boa parte do noso territorio, aínda pendente de afianzamento na Rede.
Isto, sinalou, tamén é aplicable ao bo funcionamento dunha institución pública como a que representa, que será máis próxima á cidadanía, transparente e efectiva canto máis se achegue á plena integración da Sociedade do Coñecemento. Para a secretaria xeral, as TIC son un elemento vertebrador do territorio de primeira orde, e, polo tanto, achegan vantaxes á hora de compensar os desequilibrios dos que adoece a nosa sociedade.
“Estas ferramentas”, engadiu, “son o instrumento indispensable para cambiar o xeito no que facemos as cousas, para superar a fenda entre o que somos e o que queremos ser”. Estas e outras características TIC, dixo, teñen unha boa cantidade de beneficios para as empresas e a cidadanía en xeral, pero tamén para as administracións, por mor da crise produtiva máis que nunca obrigadas a facer o posible por incrementar a eficacia no gasto público.
Xa no eido particular da Xunta, a secretaria xeral advertiu que os esforzos do seu departamento van por esa vía: unha modernización da Administración Pública que achegue un novo modelo de servizos públicos: máis áxiles, próximos, eficaces e rendibles. Neste senso en concreto, Pereira deu a entender que o camiño que están a emprender cara ao electrónico as institucións públicas galegas será un camiño máis doado grazas á ampla experiencia das nosas empresas do sector das novas tecnoloxías, unha boa parte das cales estaban representadas entre os participantes de GaliciaTIC. “O noso sector”, dixo, “conta cun gran potencial de medre e cunha enorme inquietude por marcar un valor diferencial, sector que en Galicia atópase en posición de vangarda en distintos ámbitos”.
Neste senso, advertiulles aos presentes que a vía do diálogo e a colaboración ficará aberta. Precisamente, esta do debate aberto foi a tónica de toda GaliciaTIC, tanto nas sesións da mañá (nas que interviñeron Miguel Merino, presidente da organización do congreso; Jorge Cebreiros, presidente de Ineo; Juan Díaz Arnau, subdirector xeral de Caixanova; Benigno Rosón, subdirector TICS da Consellería de Sanidade ou François Cadillon, director da división de negocio de SAP Iberia), como nas do mediodía, nas que participaron Chistoph Papenfuss, director do centro de innovación Cognos (IBM) ou Thomas Oestreich, director de estratexia de EPM de Oracle.
Por certo que pola tarde as sesións adquiriron un carácter máis práctico ao constituírse actividades paralelas de obradoiros de eficacia na xestión con diversas ferramentas (o taller Cividas coordinado por Imatia e o taller QlikView dirixido por Delux-Auren) e paneis para a presentación de programas e sistemas nos que participaron Edisa, Coremain, Imatia, Auren-Delux, Tecnocom e Caixa Galicia. Asemade, tamén se contou ao longo do día coas importantes achegas de Saec Data, Insa, Televés, Emetel Sistemas e Garrigues.
Historia de GaliciaTIC
GaliciaTIC comezou a súa andaina en 2003 co obxectivo de constituírse como un foro de referencia sobre Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na nosa terra, e as súas aplicacións no eido da empresa cun carácter marcadamente profesional e máis empresarial, sobre todo encamiñado ás pequenas e medianas empresas galegas, xa foran xeradoras ou consumidoras de TICs. Trátase dun congreso de periodicidade anual que a día de hoxe constitúe un espazo para dar conta de todo tipo de prácticas de aplicación das TIC entre os sectores tradicionais e outros de novo cuño. Nos primeiros, sinala a organización de GaliciaTIC, como “fundamento da súa mellora competitiva e apoio á transformación; para os segundos, porque basean en aquelas o modelo de negocio”.
Na edición 2008, a xornada estivo dedicada de xeito case íntegro ás tecnoloxías para o negocio intelixente, e foi así debido ao interese que estas espertan entre as empresas. A razón disto: a longa listaxe de aplicacións de aquelas na mellora competitiva da firma.
A xuízo de Miguel Merino, presidente do comité organizador, “non é doado que unhas xornadas anuais cheguen a consolidarse no tempo, o que amosa o interese xerado polos profesionais do sector, unido á demanda de actualización por parte das pemes que ven no foro unha canle de contactos e unha fonte de información para a mellora dos seus negocios”.
GaliciaTIC deu acubillo a múltiples expresións de eficacia dixital para os negocios
Compartir Este Artigo

