
Esta nova edición de Guadec Hispana, espazo de encontros para as comunidades de usuarios e deseñadores de software libre de España e América Latina, xira coma vén sendo habitual arredor dun eixe temático concreto: GNOME, un proxecto colectivo de programación aberta que impulsa e crea o emprazamento preciso para un interfaz de escritorio doado, útil, accesible e de balde para millóns de usuarios de todo o mundo.
Arestora, estase a dar acubillo na Facultade de Informática a máis de 100 asistentes, participando en 20 relatorios e obradoiros sobre cuestións que van do xenérico ao específico (dispositivos móbiles multitáctiles, adquisición de fotografías a partir de cámaras ou xeolocalización).
O encontro, que se celebra ata mañá día 23, está organizado por GPUL e GNOME Hispano, en colaboración coa Universidade da Coruña, a dita Facultade, Igalia, CENATIC, OpenShinecon, Ghandalf e a Secretaría de Modernización da Xunta de Galicia a través de Mancomún e a Fundación para o Fomento da Calidade.
Máis dun centenar de especialistas en GNOME participan na edición galega da Guadec Hispana
Compartir Este Artigo
