O restaurante O Croque acollerá a vindeira edición da LaconNetworkO vindeiro venres 27 de agosto terá lugar a 8ª edición do encontro tecno-gastronómico LaconNetwork, no que emprendedores e profesionais galegos relacionados cos sector das TIC xúntanse para xantar en distintos puntos de Galicia, que nesta ocasión recalará no restaurante O Croque (Museo do Mar de Galicia) de Vigo, onde poderán degustar dun completo menú á vez que comparten experiencias e pareceres sobre as súas actividades, nun evento do que resulta doado que xurdan sinerxías, en boa medida pola súa informalidade, o que facilita o contacto de preto entre os participantes. Nos últimos meses a LaconNetwork xa visitou localidades coma Ribadavia, Betanzos, A Coruña, Lugo e Ordes, o que responde a un interese dinamizador a nivel galego, buscando así converterse en todo un referente entre profesionais TIC da nosa terra.