Defender a profesión informática é defender tamén o impulso dun país. Este é un dos alicerces fundamentais sobre os que se apoia a actividade do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), entidade que leva anos traballando para asegurar o desenvolvemento na nosa terra dun traballo tecnolóxico-dixital de calidade e, tamén, para informar polo miúdo desta potencialidade. Nesta liña, e na de celebrar que os galegos podemos estar na vangarda da Sociedade do Coñecemento, é onde se insire a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento que chega este ano á segunda edición e que entre outras moitas cousas inclúe recoñecementos para os proxectos e os servizos máis salientables despregados a prol do desenvolvemento TIC do noso país.
A Noite e máis a entrega dos galardóns que achega no seu programa están previstas para o vindeiro 15 de outubro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, no marco dunha cea de gala á que, segundo informa a dita entidade profesional na súa páxina web, “están convidadas diversas personalidades do eido público e do universitario, entre outras”.
Como dixemos, amais das enxeñeiras e os enxeñeiros da nosa terra en xeral, os grandes protagonistas da xuntanza serán as persoas, as empresas, as institucións e as iniciativas recoñecidas polo CPEIG a través da súa achega de premios. A listaxe non deixa eido da Enxeñaría en Informática por cubrir:
· Premio Proxecto Fin de Carreira: Aberto á presentación de candidaturas, tenta ser un estímulo para os estudantes. Será o único con dotación económica.
· Premio ao Proxecto Innovador: A factura electrónica da Consellería de Facenda.
· Premio á Traxectoria Profesional: Pablo Santos Luaces, conselleiro delegado e fundador de Códice Software.
· Premio Iniciativa Empresarial: Clúster TIC de Galicia
· Premio Iniciativa da Administración: Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta
Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais recibirán unha estatuíña sen dotación económica.
Patrocinios e colaboracións
Está previsto que preto de douscentos colexiados e colexiadas asistan ao acto. Para a súa organización, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia agradece a colaboración das diversas empresas e institucións galegas que operan no eido das novas tecnoloxías. Sobre este punto e “co convencemento de que o apoio ao colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión”, o CPEIG achega a opción de participar na celebración da gala como entidades patrocinadoras ou colaboradoras coa formalización dun acordo. Esta colaboración verase recoñecida de moi diversos xeitos, entre os que se conta a inclusión da imaxe corporativa da entidade en tódalas informacións sobre a gala que se emitan dende o CPEIG.
Asistencia ao acto
Ao evento están convidados/as todos/as os/as colexiados/as, precolexiados/as e persoas que se comprometan á colexiación, os/as cales poderán facer extensiva esta invitación a un/unha acompañante. As persoas destes colectivos que desexen asistir deberán formalizar a súa inscrición mediante o formulario electrónico on line dispoñible na web do CPEIG (www.cpeig.org). Con todo, o evento tamén está aberto a non colexiados e non colexiadas, aínda que polas características do aforo á xuntanza, que é limitado, non contarán cos mesmos criterios de preferencia. No mesmo caso ca no anterior, pídeselles a estes asistentes a cumprimentación do formulario en liña de inscrición na Noite.
A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia acollerá a entrega de cinco galardóns
Compartir Este Artigo

