A Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña organiza este mércores 27 de outubro as 17:00 horas unha actividade colectiva de participación e divulgación arredor do sistema operativo Ubuntu, unha das distribucións abertas máis espalladas e estables do panorama actual da programación libre. Máis polo miúdo, a cita convocada pola Oficina vai consistir nunha Install Party da versión Ubuntu 10.10, o que quere dicir que se trata dun encontro que segue, punto por punto, o ideario nas redes da comunidade de software libre: aberto ao público en xeral e proposto para darlle azos á participación sen xerarquías. A party desenvolverase no Fórum Metropolitano da Coruña. O obxectivo da OSL é saír do ámbito universitario para achegarlle á cidadanía a nova versión do sistema operativo GNU/Linux Ubuntu 10.10.
Durante o obradoiro o persoal da OSL axudará e guiará a todos os asistentes a instalar e configurar nos seus portátiles o recen saído GNU/Linux Ubuntu 10.10 co fin de amosar o sinxelo que é realizar a instalación e a rapidez coa que é posible comezar a gozar de todas as súas capacidades e aplicativos, como o navegador web, o xestor de correo electrónico, comunicación nas redes sociais máis estendidas (Facebook, Twiter…), suite ofimática, xestión e retoque fotográfico,; reprodutor de son e vídeo, xogos … e un innumerable conxunto de aplicativos libres, gratuítos e legais dispoñibles para o seu uso a un simple golpe de rato.
Todo aquel que queira coñecer de primeira man o funcionamento de Ubuntu 10.10 sen medo ao descoñecido e da man de expertos na materia que non dubide en inscribirse neste obradoiro gratuíto. Só hai 25 prazas dispoñibles que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Este mércores celébrase na Coruña unha install party sobre a nova versión de Ubuntu
Compartir Este Artigo
