Xa temos rede social sobre libros, tal e como informamos dende esta web hai uns cantos días. Falamos de Redelibros.com, un espazo que non salienta por marcar un antes e un despois no panorama 2.0 internacional, pero que a nós os galegos tócanos de cheo na mesma raizame da nosa teima (que lle imos facer) por ler o que se escribe neste idioma que temos. Así, segundo se reflectiu nos medios, o que pon en xogo Redelibros.com, realmente, xa se podía facer coas aplicacións de Facebook para compartir lecturas (levar ás redes a ración de cada día de faladoiros de literatura), pero o engadido extra está na especificidade das orellas que escoitarán o que temos que dicir sobre as últimas novidades: orellas de aquí ou, procedendo de fóra, con interese no de aquí.
Segundo se puído esculcar estes días de novembro na propia rede, esta xa conta con arredor de 400 membros, e todo indica a que se trata dunha cifra en constante medre. Polo que respecta ao número de títulos, a comezos do mes xa andaba polo millón.
O seu funcionamento, de cara ás usuarias e os usuarios, é o seguinte: trátase dunha rede aberta, de balde, na que calquera pode entrar en participar, sendo esta participación, a maiores, fundamental para o desenvolvemento da propia web, que se constrúe entre todas e todos co engadido constante de títulos e de datos de títulos que xa están na base de datos. A web, que está en fase beta, xorde na nosa pantalla co galego como lingua por defecto, pero tamén se pode visitar en castelán e en inglés. A base de datos inclúe tanto títulos en castelán como títulos en galego.
Tras o proxecto, que se presentou hai uns días na cafetería Detrás do Marco de Vigo, atópase un máis que completo colectivo de librarías, editoriais e seareiros da lectura.
A rede social galega Redelibros.com achégase aos 400 membros
Compartir Este Artigo
