Aínda queda moito por facer no camiño dunha rede para todas e todos. En xogo está unha Sociedade da Información xusta. Nos Premios EGANET que se entregaron onte, valorouse especialmente este compromiso dalgunhas empresas e entidades galegas no camiño da inclusión dixital, como por exemplo o labor despregado dende RuraisLab, de VModal, dirixida a favorecer a calidade de vida das mulleres da nosa contorna non urbana. E todo a través dos recursos dixitais de hoxe. Nunha liña semellante aínda que vindo de fóra da nosa terra, sitúase a posta en marcha recente dunha rede social accesible para persoas con autismo. O obxectivo desta iniciativa, chamada Rede Dixital sobre Comunicación Alternativa e Aumentativa, é mellorar as condicións nas que se desenvolve este colectivo e ofrecerlle recursos e servizos accesibles.
O proxecto, financiado polo Plan Avanza2 (Ministerio de Industria) conta co apoio da Fundación ONCE, que lle tirará proveito ao servizo no portal Discapnet, onde ficará de balde a accesible para os internautas. A iniciativa é unha rede social en si mesma, pero con especificacións. Baseada en tecnoloxía 2.0, diríxese a persoas con autismo pero tamén ás súas familias e ás persoas que as axudan na súa comunicación e inclusión social. O gran obxectivo desta rede é reunir os recursos e servizos que a día de hoxe se atopan espallados pola Rede. A comunidade posta en marcha basearase en boa medida no emprego, acceso e intercambio de contidos audiovisuais, algúns deles achegando métodos e recursos para superar atrancos de comunicación e fomentar a adquisición da linguaxe. Tamén se favorecerá o uso de axendas, guías ou horarios, especialmente axeitados para acadar unha percepción máis clara do tempo e máis do espazo. Estímase que a día de hoxe 5 persoas de cada 10.000 presentan un cadro de autismo clásico.
Deseñan unha rede social para persoas con autismo
Compartir Este Artigo
