Os Premios EGANET 2010 poñen de manifesto o alto nivel de calidade do noso sector TIC

xoves, 23 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

En palabras de Beatriz Legerén, ex presidenta da asociación EGANET, os premios entregados este mércores 22 pola entidade non son unicamente un xeito de recoñecer o traballo ben feito, senón de descubrirllo á sociedade galega, non sempre ao tanto das cousas interesantes que se fan aquí polas TIC. A gala de entrega dos galardóns 2010 de EGANET foi importante por partida tripa: porque puxo de manifesto unha importante actividade (a nosa innovación, que achegou até 262 candidaturas), porque salientou a importancia do coñecemento fronte á crise e porque coincidiu co décimo aniversario da asociación, a primeira da nosa terra no seu sector. O acto, ao que asistiron máis de 300 persoas, contou cun importante despregue de medios técnicos e humanos, e desenvolveuse coma as iniciativas dixitais que competiron: non sobrou nin se botou nada en falta. A gala deu comezo cunha xeira de vídeos sobre as orixes de EGANET, unha asociación relativamente nova en termos xenéricos pero xa experimentada no ámbito do tempo dixital.
Nos vídeos fíxose fincapé no esforzo posto en darlle vida a EGANET: “Non tivemos o apoio e o diñeiro de outros para grandes plans estratéxicos, a nosa orixe estivo nunha pequena oficina nun almacén de froita, cunha xerente e un técnico; custounos moito saírmos adiante”, sinalou José Ramón Pais, tamén ex presidente da asociación.
En total, competiron nos galardóns 87 empresas e entidades, achegando un total de 262 categorías. A gala contou tamén coa presenza de Víctor López, o actual responsable da asociación, quen logo da xeira de vídeos agradeceu a presenza no Pazo de Congresos de Santiago de Rafael Valcarce, presidente do Clúster TIC, “quen me consta que tivo que facer grandes esforzos por estar esta noite aquí”, sinalou. Logo dos agradecementos, López tirou partido da cita cos profesionais TIC e cos membros das diferentes institucións galegas para defender un modelo económico distinto ao que temos, máis adaptado á nosa realidade social e, polo tanto, máis sustentábel. Ao seu xuízo, un dos grandes retos de EGANET e do noso tecido TIC por enteiro é acadar a confianza e apoio das institucións públicas a prol da especialización, co fin de que o esforzo despregado polo empresariado non esmoreza perante a competencia externa.
No acto de entrega de premios participou un ano máis, e xa é o terceiro, o veciño de Corcubión Fran Hermida en calidade de condutor das diferentes actividades. As súas intervencións, do mesmo xeito que en anteriores convocatorias, puxeron o toque de humor e de improvisación, mesmo no tocante a súa presenza na gala: “É a primeira vez que me traedes para presentar estes premios... non aprendedes”, comentou. E engadiu logo, facendo referencia ao que lle gustaría ter incorporado á cerimonia: “Quixemos que viñera Belén Esteban, pero non puído ser, xa que tivo que acudir a unha conferencia de Stephen Hawking”.
Xa nun plano máis serio, os premios puxeron de manifesto unha vez máis o importante nivel de innovación e calidade que está a acadar o noso tecido TIC, tanto no plano da utilidade e da participación, como no que se refire ás vertentes máis sociais e solidarias da tecnoloxía, así como na promoción do noso: da nosa cultura, da nosa identidade e do noso xeito de ver as cousas.
· Premio E-emprendedores: Enxendra Technologies: empresa especializada en software de factura electrónica e sinatura dixital. Na actualidade ten dúas sedes: Madrid e A Coruña.
· Premio Software, Multimedia ou Web: Colaboración entre a editorial Galaxia, Perro Verde Films e MilRayas, polo ContoPlanet, unha aplicación de contos infantís para iPhone e iPad extraídos da colección Árbore da editorial Galaxia.
· Premio Inclusión Dixital: VModal Interactive, de Vigo: por RuraisLAB, un laboratorio cidadán para a innovación social no rural baseado nas necesidades e visión da muller.
· Premio Mellor Ambiente Laboral: Hacce Soluciones TIC, empresa viguesa que se move no contorno 2.0, cunha cultura organizacional baseada na xestión do coñecemento, nun modelo de negocio participativo que presta atención ao criterio de todo o equipo.
· Premio Publicidade e Márketing OnLine: Paco&Lola Albariño: pola súa estratexia de marketing online. A empresa Adega Rosalía de Castro produce este viño albariño.
· Premio E-Commerce: Toupa.net: por Toupa.net,Cultura para levar!. Toupa.net é unha plataforma de distribución B2C e B2B de produtos culturais ideados, producidos ou participados por axentes galegos, ou por calquera outro autor, editor ou produtor que introduza un novo punto de vista arredor da cultura galega.
· Premio Administración Electrónica: Bit Oceans Research, por Fividoc. A Firma Electrónica en Papel, unha solución de cotexo electrónico que permite a protección global do contido de documentos impresos.
· Premio Educación Dixital: Interacción e Imaxin Software, polo proxecto O Valor do IGU, programa interactivo de educación en valores a través de videoxogos.
Premios Globais
Amais do devandito, a edición 2010 dos premios EGANET incluíu catro Premios Globais encamiñados a recoñecer os valores das iniciativas presentadas a concurso que mellor apostaron polo software libre, a innovación, a mobilidade e accesibilidade. En definitiva, que máis esforzos fixeron a prol dunha Sociedade da Información que nos abranga a todas e todos, favorecendo todo tipo de melloras na nosa calidade de vida e loitando contra a exclusión dixital.
· Premio Global Software Libre: Sixtema, por ikiMap, comparte os teus mapas.
· Premio Global Proxectos Innovadores: Confirmsign, pola creación da plataforma “Confirmsign”
· Premio Global Mobilidade: colaboración entre Editorial Galaxia, Perro Verde Films e MilRayas, por ContoPlanet.
· Premio Global Accesibilidade: Fundación Tecnología Social, de Lugo, por Camiño dos Satélites.
Premio a Altia Consultores
Altia Consultores recibiu o Premio Especial EGANET por ser “a primeira empresa galega do sector en entrar no mercado bursátil, por ser un referente na defensa da empresa galega e polo convencemento manifestado de que a cooperación de grande e pequenos é necesaria para mellorar o sector TIC”.
Máis recoñecementos
Membros da directiva da asociación fixeron entrega de placas conmemorativas en recoñecemento aos 10 anos de proxecto empresarial ás seguintes firmas socias de EGANET: Aaccentia; Asi-Red, Corunet, Deza Business, Dimensiona, Infonega e Interdix. Os ex presidentes da asociación, Gil Bernárdez e Beatriz Legerén recibiron tamén unha homenaxe polo labor realizado ao fronte da plataforma empresarial galega.

PUBLICIDADE