
O texto, consensuado previamente polas asociacións implicadas, foi aprobado o venres 11 de febreiro polo vicepresidente de EGANET, Daniel Cerqueiro, e o presidente de TADEGa, Juan José Fernández García, no marco do II Congreso TADEGa dedicado ás Prácticas Dixitais para a Atención á Diversidade, do que xa adiantamos algúns detalles.
Con este acordo, empresas do sector TIC galego e profesionais implicados na Educación danse a man para conseguir que as TIC estean ao alcance de toda a cidadanía e, en definitiva, facer avanzar a comunidade cara aos índices de converxencia dos países máis desenvolvidos. EGANET e TADEGa comprométense a ofrecérense mutuamente servizos de asesoramento así como a desenvolver proxectos de colaboración para propiciar a desaparición da fenda dixital humana en Galicia.
Novos asociados a EGANET
Aparte do convenio con TADEGa, EGANET tamén anunciou hoxe que sumou catro adhesións de empresas no que vai de ano. As novas firmas socias son: DobleLópez S.C, Dos Espacios Internet Consulting S.L, Ipoki Technologies S.L e Vmodal Interactive S.L.U. A asociación, que aglutina empresas especializadas na creación de software dentro no macrosector TIC, conta arestora con 60 socios que desexan compartir os obxectivos e actividades da asociación.
DobleLópez é unha empresa compostelá fundada no ano 2006 e constituída en 2009. Este negocio abrangue tres áreas: Gráfica (creación de imaxe gráfica de empresas ou eventos), Web (elaboración de páxinas web, blogs e posicionamento SEO) e Ilustración (ilustración, infografía). Neste tempo desenvolveron numerosos proxectos dixitais cunha orientación estética e creativa, un dos máis recentes a galería de traballos do artista Santi Jiménez.
Dos Espacios Internet Consulting dedícase principalmente á creación e xestión de sitios web de forma creativa e eficiente. Ademais de dirixir a presenza na internet dos clientes e o desenvolvemento web, está especializada en correo electrónico e dispón dunha plataforma de desenvolvemento propio, dynamicshop.es, enfocada ao e-commerce.
Pola súa banda, Ipoki Technologies é un estudio de deseño de aplicacións cuxa actividade principal son os servizos de xeolocalización na Internet e aplicacións para smartphones. Ademais, está especializado en proxectos web2.0 e Cloud Computing; redes sociais: Facebook, Twitter, Flickr; e realidade aumentada: Layar.
Por último, Vmodal Interactive, é unha empresa de base tecnolóxica especializada na integración do usuario e o cidadán en comunidades abertas ou redes sociais. A súa actividade principal é a prestación de servizos de I+D, o desenvolvemento tecnolóxico de produtos no ámbito da interacción home-máquina e a innovación centrada no usuario. Esta firma viguesa foi gañadora nos Premios EGANET 2010 na categoría Inclusión Dixital polo desenvolvemento do proxecto RuraisLab.
EGANET colaborará con TADEGa e acolle a 4 novas empresas asociadas
Compartir Este Artigo
