Seguimos a voltas coa SGAE e, unha vez máis, con informacións que non a deixan moi ben parada. Con todo, cómpre advertir tamén de que nos últimos tempos estase a ver un aquel de cambio nas posturas habituais da sociedade de xestión de dereitos, sobre todo no que se refire a liberar da súa actividade penal a quen menos ten, aínda que todo isto non semella abondar para o groso dos internautas. Así, segundo se desprende do estudo Hábitos de Internet, o 94,2% dos usuarios da Rede considera que a entidade de xestión “abusa en ocasións de cidadáns e entidades”. O informe, reflectido en detalle pola web de El Progreso, cubriu un abano de 1.875 persoas.
Entre o máis rechamante do estudo figura sen dúbida a constatación de que a SGAE recolleu máis rexeitamento ao longo do ano 2010 ca en anos anteriores, o que choca un pouco co rumbo que semella querer tomar a dita Sociedade. Deste xeito, a porcentaxe de usuarios da Rede que aposta por facer ilegal a actividade da plataforma de xestión de dereitos medrou do 38,7% ao 55%. Por certo que a nosa terra, por comunidades, é unha das que máis se posiciona en contra das accións da SGAE, xunto coa Comunitat Valenciana e as Illes Balears. Polo contra, onde a entidade provoca reaccións de meirande entendemento é en Estremadura, Canarias e Estremadura.
O 94,2% dos usuarios da Rede cualifica de abusivas as accións da SGAE
Compartir Este Artigo
